Publicador de contidos
Publicador de contidos

Seis cidades galegas teñen o goberno municipal perfilado e en Ourense continúa a incógnita

Seis cidades galegas teñen o goberno municipal perfilado e en Ourense continúa a incógnita

Ourense segue nunha conta atrás incerta, mentres Vigo e Ferrol teñen o panorama despexado desde a mesma noite electoral

Nas catro cidades restantes sábese o nome dos futuros rexedores, pero as negociacións están en fases diferentes

G24.gal 11/06/2023 15:09 Última actualización 11/06/2023 15:28

O vindeiro sábado 17 marca a fronteira para a constitución das corporacións municipais. En Vigo e Ferrol esa data é un mero trámite. O socialista Abel Caballero repetirá cunha maioría absoluta moi destacada, aínda que cun edil menos. En Ferrol, o PP recupera o consistorio e Rey Varela volverá ser alcalde oito anos despois cunha axustada maioría absoluta.

O reverso destas dúas cidades é Ourense. Pérez Jácome foi o máis votado, pero o crebacabezas continúa en fase de recomposición. Un hipotético acordo alternativo entre o PP, o PSdeG e o BNG segue no aire e, ademais, a ausencia dunha maioría absoluta na Deputación converte o escenario nun partido que se disputa a dúas bandas.

O BNG terá dúas alcaldías. En Pontevedra Fernández Lores será o rexedor, malia perder dous concelleiros, e segue negociando o apoio do PSOE. É o mais veterano dos rexedores, xa que leva 24 anos no posto. En Santiago Goretti Sanmartín obterá o bastón de mando tras impoñerse en votos á candidatura de Bugallo. Ten un pacto formalizado con Compostela Aberta e os socialistas facilitarán a investidura.

A situación na Coruña e Lugo é semellante. Un PP en ascenso non puido impedir que as rexedoras socialistas repitan. Na Coruña Inés Rey necesita os votos do Bloque, que se acabarán de negociar o martes, e a súa intención de partida é gobernar en solitario. En Lugo Lara Méndez continuará no poder cun pacto de goberno co BNG moi avanzado, que contempla unha repartición de áreas idéntica á dos últimos catro anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar