Publicador de contidos
Publicador de contidos

Desarticulada a banda que facía pasar fariña por fardos de coca para estafar narcos

Desarticulada a banda que facía pasar fariña por fardos de coca para estafar narcos

A Garda Civil detivo seis persoas en Salamanca, O Grove e Xinzo

Nos rexistros, a Garda Civil incautouse de droga, armas e diñeiro en efectivo

Hai dous meses apareceran dous destes falsos fardos de coca na praia de Tragove, no concello de Cambados, pero non está claro que teña relación con este operativo

G24.gal 06/06/2024 10:44 Última actualización 06/06/2024 16:37

Seis persoas foron detidas no marco dunha operación antidroga liderada pola Garda Civil e a Policía Nacional nas provincias de Salamanca, Ourense e Pontevedra contra un grupo dedicado, supostamente, a estafar narcotraficantes, aos que enganaban con falsos cargamentos de droga.

Así o trasladaron fontes próximas á investigación consultadas, que confirman o arresto dun total de seis persoas, catro delas en Galicia, dous no Grove e outras dúas en Xinzo de Limia.

O operativo iniciouse o pasado martes na provincia de Salamanca, onde foron detidas dúas persoas nunha vivenda da urbanización de El Encinar, no municipio de Terradillos.

Un día máis tarde, o dispositivo continuou en Galicia con varios rexistros San Vicente do Mar do Grove. 

Alí foron arrestadas catro persoas en Galicia, dúas no Grove e outras dúas en Xinzo. Ademais, as intervencións saldáronse co comiso de cinco quilos de haxix, 20 gramos de marihuana, varias armas e diñeiro en efectivo.

Fontes próximas ao operativo sinalan que este grupo dedicábase a estafar a bandas de narcotraficantes con entregas falsas, en que usaban fariña para facelas pasar por fardos de cocaína.

Os dous detidos no Grove o mércores pasaron este xoves a disposición da maxistrada do xulgado de instrución número 3, que decretou a posta en liberdade de ambos, para os que non había petición de ingreso en prisión por parte de Fiscalía.

En Xinzo de Limia, o xulgado recibiu un exhorto do de Salamanca que dirixe a operación para levar a cabo un rexistro dunha vivenda, no que se produciron dous detidos, un deles menor de idade.

A investigación segue aberta e non se descartan máis detencións a maiores das seis realizadas ata o momento. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade