13 mortos, 24 feridos e 3 desaparecidos no incendio das discotecas en Murcia
13 mortos, 24 feridos e 3 desaparecidos no incendio das discotecas en Murcia
Non se pode desbotar que aparezan máis cadáveres no interior das instalacións
Polo estado en que quedou en especial un dos locais afectados, a busca non se dá por pechada
A policía traballa coa premisa de que tras o incendio desapareceron dezaseis persoas. Trece poderían ser os mortos atopados ata o momento e tamén se investiga se algún é un ferido aínda non identificado.
O último balance fala de13 mortos, 24 feridos e 3 desaparecidos, pero non se pode descartar que aparezan máis cadáveres no interior das instalacións. Polo estado en que quedou en especial un dos locais afectados, a busca non se dá por pechada.
Mentres, empezaron a tomarlles mostras de ADN ás familias dos desaparecidos, ás que se lles ofreceu asistencia psicolóxica.
"Estamos esperando para ver se os encontran ou non, ou se están no hospital. Non sabemos nada. Estamos en ascuas aquí", di un amigo de varios desaparecidos.
"Teño cinco familiares aí dentro ou non sei onde, e dous amigos que non dan razón", relata outro home á espera de noticias.
Xa se identificaron tres cadáveres polas impresións dixitais, pero as autoridades admiten que co resto vai levar máis tempo.
"Entendemos o que están sufrindo os familiares dos falecidos e das persoas das que aínda non se ten comunicación, pero temos necesariamente que manter a calma para determinar ben a identidade destas persoas e unha vez que estean identificadas informaranse, por suposto de forma directa, os familiares dos afectados", puntualiza o voceiro da Policía Nacional en Murcia.
O incendio comezou sobre as seis da mañá nunha discoteca das aforas de Murcia capital e as lapas estendéronse a outros dous locais de ocio contiguos.
"Ás sete o incendio estaba xa controlado e ás oito, extinguido. É dicir, que o incendio en si non era un incendio dunha gravidade extrema", explica o alcalde de Murcia.
A pesar diso, estragou por completo o andar superior dun dos locais, onde se reunira un grupo de amigos e familiares para celebrar un aniversario.
Crese que a maior parte das vítimas pertencerían a este grupo.