Selan en Melide un boleto premiado con 1.000.000 euros no Euromillóns
Selan en Melide un boleto premiado con 1.000.000 euros no Euromillóns
Foille asignado á papeleta gañadora do chamado código do millón que resultou premiado
O sorteo do Euromillóns deixou en Melide un millón de euros. O boleto foi selado na administración de loterías número 1 da vila, onde lle foi asignado á papeleta gañadora o chamado código do millón que resultou premiado.
Manuel Parrado, loteiro: "É un código que lles pon a máquina a todos os apostantes do Euromillóns. Pódese dicir que o 80 por cento dos que o xogan non saben nin que o xogan. O reclamo máis grande é o bote, pero a ese millón xógase coa mesma aposta que se fai".
Os xerentes da administración de loterías din descoñecer polo de agora quen pode ser a persoa agraciada co premio millonario. Sinalan que tanto lle puido tocar a alguén da zona como a algúns dos moitos peregrinos que están de paso.
Manuel Parrado, loteiro: "O afortunado non se sabe quen é. Esperemos que sexa do país, aínda que non é a primeira vez que lle toca a un peregrino".
De feito, o maior premio que repartiron ata o de agora nesta administración tocáralle a un peregrino. Foran preto de tres millóns de euros.
Manuel Parrado, loteiro: "E levounos un peregrino cordobés. Selouno aquí, ao día seguinte mirouno en Arzúa e xa non chegou a Santiago, que colleu o avión na Lavacolla e xa marchou para a casa".
No Euromillóns hai agora un bote acumulado de 130 millóns de euros para o sorteo vindeiro.