Semana decisiva para 'Copora' para conseguir o título ao mellor mural do mundo
Semana decisiva para 'Copora' para conseguir o título ao mellor mural do mundo
Copora foi declarado o mellor mural do mundo do mes de xuño do ano pasado pola revista Street Art Cities
Ata este mércores poderase votar o mellor mural do mundo
Dende hai uns anos a cidade de Lugo converteuse nun referente no mundo dos murais e do graffiti, dada a calidade e a cantidade dos debuxos que visten as paredes dalgúns dos seus edificios.
O título de mellor mural do mudo xa conseguira o Julio César de Diego As no 2021. Agora a Copora de Yoe33 tamén loita por ese recoñecemento.
Ambos están emprazados en medianeiras de edificios visibles dende a muralla, de xeito que producen un efecto enriquecedor. No caso da Copora, cando un mira cara ao mural, ademais da muralla tamén se ve a catedral.
"É un simbolismo, de localización incluso, dela e desas tres partes artísticas. A miña é unha pequena contribución".
O mural é unha homenaxe o máis documentada posible á muller, ás mulleres que habitaban en Lugo na época prerromana.
"Unha auténtica guerreira do seu pobo, da súa zona e está metida nun bosque. A Lugo chamábanlle bosque máxico".
Copora foi declarado o mellor mural do mundo do mes de xuño do ano pasado pola revista Street Art Cities, ata este mércores pódese votar para que consiga o título do mellor de todo o 2023.
"Un voto non é fácil de realizar, este tipo de votos polas aplicacións para a xente que non está acostumada, e eu estou moi agradecido con toda a xente que está facendo que isto, un mural dunhas características, que representa a unha galega, estea chegando a todas partes do mundo", comentaba Yoe33, o artífice do mural.
Copora está feita con técnica mixta, mide 340 metros cadrados e enmárcase dentro de Urban Cores, un proxecto que promove os murais nas medianeiras da cidade de Lugo.