Sen data para que o buque Ártabro parta cara a Terra Nova para baixar ao Villa de Pitanxo
Sen data para que o buque Ártabro parta cara a Terra Nova para baixar ao Villa de Pitanxo
A Delegación do Goberno en Galicia informou de que o Ministerio de Transportes trasladou xa a documentación do Pitanxo á Audiencia Nacional para que se produza canto antes a baixada ao barco afundido
O buque Ártabro, o que desenvolverá a misión de dar co Villa de Pitanxo, afundido hai quince meses, non partirá esta fin de semana cara a Terra Nova como estaba previsto. A falta de formalizar o contrato entre a empresa adxudicataria e o Ministerio de Transportes o barco segue amarrado en Vigo.
Segundo ACSM Shipping, a empresa viguesa que accedeu a esta misión por un concurso do Ministerio de Transportes, todo está disposto para partir cara ao Canadá. Contábannos durante esta semana que partirían maña ou o luns para aproveitar un mar algo máis calmo en Terra Nova a vindeira semana. Pero non será así e o Ártabro continúa neste peirao comercial do porto de Vigo sen data de partida.
O problema é que aínda non está formalizado, faltan as sinaturas, o contrato entre o Ministerio de Transportes e a empresa concesionaria. A Delegación do Goberno en Galicia confirmaba onte que esta sinatura do contrato se formalizará nos próximos días.
As familias dos vinte e un mortos e desaparecidos do Villa de Pitanxo volven falar de frustración porque o operativo se teña que atrasar, da pouca axilidade burocrática e da falta de sensibilidade coas vítimas e coas súas familias.