Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sen rastro dos tres policías filipinos acusados do asasinato do empresario coruñés Diego Bello

Sen rastro dos tres policías filipinos acusados do asasinato do empresario coruñés Diego Bello

Diego Bello foi asasinado a tiros diante da súa casa na illa filipina de Siargao en xaneiro de 2020

Un xuíz filipino emitiu en marzo unha orde de captura contra os tres policías acusados do asasinato

A familia de Diego Bello cre que as forzas de seguridade filipinas protexen os policías acusados

G24.gal 21/08/2022 14:22 Última actualización 21/08/2022 14:55

Pasaron cinco meses desde de que un xuíz filipino ordenara a detención dos tres policías acusados de asasinaren a tiros a Diego Bello, pero seguen en paradoiro descoñecido. A familia está convencida de que as propias forzas de seguridade filipinas están protexendo os acusados.

¨Nós temos informacións de xente que vive en Siargao que nos din que eles seguen alí ocultos e que a Policía Nacional filipina non fai nada por detelos a pesar de que saben onde están. Estase producindo unha obstrución á xustiza por parte das forzas de seguridade do país”, explica Francisco Lafuente, portavoz da familia de Diego Bello.

Diego Bello foi asasinado a tiros diante da súa casa en Siargao, unha pequena illa das Filipinas onde residía desde 2017 e onde rexentaba varios negocios relacionados coa paixón da súa vida, o surf.

"Parece que a súa presenza alí e os seus negocios -estáballe empezando a ir ben- molestaron a alguén co suficiente poder como para encargar algo así", asegura Francisco Lafuente.

A familia de Diego vai solicitar o traslado do caso a un xulgado da capital do país, Manila.

"Queremos evitar que o xuíz poida recibir presións e tamén darlle máis visibilidade ao caso", di o portavoz familiar.

Os policías aduciron que lle dispararon a Diego despois de que este sacara unha arma cando o ían deter nunha operación antidroga, unha acusación que se demostrou falsa. A familia vai solicitar unha orde de detención internacional por se os policías acusados decidisen abandonar as Filipinas. Din que non van parar ata que se faga xustiza.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade