Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta elevará en 2025 os límites de renda para acceder a unha vivenda pública

A Xunta elevará en 2025 os límites de renda para acceder a unha vivenda pública

Rueda  di que "non é normal" que unha parella cun fillo que gañe 24.000 euros non poida acceder a unha vivenda deste tipo nunha zona urbana

O voceiro do PSdeG denuncia que Galicia ten "un problema de emerxencia habitacional"  e pídelle á Xunta que cree un "banco público de vivendas en alugueiro"

A Xunta ampliará o ano que vén a vacinación contra o virus do papiloma aos mozos de ata 21 anos

Pontón acusa ó PP de "boicotear" a comisión de investigación dos contratos da Xunta e reclama o "rescate" o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a sesión de control do Parlamento de Galicia  (EFE / Lavandeira jr) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a sesión de control do Parlamento de Galicia (EFE / Lavandeira jr)
G24.gal 06/11/2024 08:36 Última actualización 06/11/2024 09:34

A Xunta elevará o ano que vén os límites de renda en Galicia para acceder a unha vivenda de protección autonómica.  Avanzouno na sesión de control do Parlamento o presidente galego, Alfonso Rueda.

Foi en resposta a unha pregunta do voceiro do PSdeG. José Ramón Gómez Besteiro asegurou na súa intervención que "Galicia ten un problema de emerxencia habitacional", onde os mozos teñen moitas dificultades para acceder a unha vivenda de alugueiro.

Besteiro reclama a creación dun "banco público de vivendas en alugueiro"

O líder socialista deu un dato. Asegura que nos últimos dez anos o SMI medrou un 25 % mentres que os alugueiros o fixeron nun 58 %. Coas cousas así, asegura, aqueles que gañan 1.100 euros ao mes están destinando "o 50 % do seu salario a pagar a renda do seu piso".

O voceiro socialista pídelle ao presidente da Xunta que "aposte polo público", que "se implique e actúe" e cree "un banco de vivendas en alugueiro" onde reúna as arredor de 5.000 vivendas baleiras que hai en Galicia. Besteiro pide que a administración autonómica actúe de "mediadora" para garantir a "seguridade dos arrendadores" e ofrecer "prezos razoables" aos arrendados.

O presidente da Xunta lembra que o seu Goberno "triplicará" os investimentos en materia de vivenda nos orzamentos do ano que vén e "duplicará nesta lexislatura" o número de vivendas públicas promovidas pola Administración autonómica.

O obxectivo é pasar de 4.000 a 8.000 vivendas de protección oficial. Neste senso anuncia que  "estamos tomando medidas" e que terán en marcha "máis de mil nos primeiros meses da lexislatura".

Alfonso Rueda recoñece que "non é normal" que unha parella cun fillo que gañe 24.000 euros non poida acceder a unha vivenda pública nunha zona urbana.

Por iso avanza que o ano que vén a Xunta "subirá os límites de renda para facilitar á xente nova o acceso a unha vivenda".

Pontón denuncia que a situación da sanidade pública é "moi grave" e pídelle a Rueda que "rescate" a saúde dos galegos

A líder do BNG, Ana Pontón, denuncia que a "situación é moi grave" cun total de 372.000 galegos en lista de espera -85.000 máis que hai cinco anos- e outras 45.000 agardando por unha operación cirúrxica.

Pontón pídelle ao presidente da Xunta que "rectifique" e no canto de destinar diñeiro público a rescatar as autoestradas autonómicas "rescate" a saúde dos galegos.

 

Rueda critica a "visión catastrofista" do BNG e anuncia que o ano que vén estenderá a vacina do papiloma aos menores de 21 anos

Rueda criticou a "visión catastrofista" da líder da oposición, á que volveu a acusar de "mesturar" datos ou "manexar interesadamente as cifras", como a do diñeiro destinado a atención primaria á que se dedica "o 30 % do orzamento sanitario", fronte ao 25 % que reclama o BNG.

O presidente galego recoñece que "todo é mellorable pero considera que a sanidade pública galega, en comparación con outras comunidades, está "francamente ben".

Neste senso avanza que o próximo ano ampliarase a vacina contra o papiloma humano aos mozos de ata os 21 anos, fronte aos 18 anos aos que se chega na actualidade.

Pontón acusa o PP de "tentar boicotear" a comisión de investigación dos contratos da Xunta

Na sesión de control celebrada no Parlamento galego, a portavoz do BNG acusou o Partido Popular de "tentar boicotear a comisión de investigación" sobre os contratos da Xunta.

Ana Pontón denunciou que o voceiro do PPdG "xa nos trasladou que non van negociar o plan de traballo da comisión de investigación, algo que non pasou nunca no Parlamento". Segundo a líder nacionalista, "se vostede non tivera nada que agochar, non estaría tentando boicotear a comisión de investigación", polo que lle pide a Rueda "unha dobre rectificación". 

"Primeiro; negocie o plan de traballo da comisión de investigación porque este Parlamento non é a súa finca particular; e segundo, rescate o hospital de Vigo", porque "o que ninguén entende é que teña centos de millóns para rescatar concesionariosas pero non teña nin un só euro para rescatar a saúde dos galegos e das galegas".

Rueda nega que o seu grupo estea "boicoteando" a comisión de investigación parlamentaria e afirma que o plan de traballo está aínda "en proceso de negociación". Afea ao Bloque que dea xa o proceso "por pechado".

Rueda comezou a súa intervención lembrando as vítimas da DINA en Valencia e "agradeceu a  solidaridade" amosada polos galegos nesta traxedia.

Tamén a voceira do BNG dedicou as súas primeiras palabras aos valencianos. "O noso corazón está con eles -afirmou. É momento de que as institucións colaboren ante unha traxedia que nos encolle o corazón".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade