Rueda critica a Sánchez por convocar as eleccións en plena ponte de Santiago "polo seu interese"
Rueda critica a Sánchez por convocar as eleccións en plena ponte de Santiago "polo seu interese"
Os socialistas din que cos resultados do domingo non habería goberno do PP na Xunta
Pontón acusa a Rueda de non ser capaz de gobernar e de permitir a corrupción en Ourense
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, criticou a decisión de Pedro Sánchez de adiantar as eleccións xerais ao 23 de xullo porque considera que lle dá igual que a xente teña que "renunciar a vacacións" e pensa só no seu interese persoal no que vai ser o seu "canto do cisne", augurou.
En resposta a unha pregunta do PSdeG no pleno, lamentou que Sánchez "someta a sociedade galega a todo isto", precisamente nun día que é ponte festiva na comunidade, o que contrastou coa súa propia decisión de non adiantar as eleccións autonómicas.
"Alegraríame moitísimo que ese 25 de xullo, o Día de Galicia, a España tamén chegue o sentidiño", concluíu a este respecto.
Manuel Álvarez, voceiro socialista, interpelou o presidente Rueda polos problemas pola escaseza de servizos residenciais para a terceira idade e tamén pola escaseza de vivenda pública.
Alfonso Rueda, presidente da Xunta, dixo que ía seguir traballando para ser eficiente para a vida dos galegos. E dixo que o Goberno de Sánchez ten unha débeda con Galicia.
"Quedan dous meses", augurou Alfonso Rueda ao presidente do Goberno central. "Seguiremos sendo reivindicativos co novo presidente de España", abundou Rueda.
Álvarez reprochou que Rueda só se centrara nos resultados da eleccións e non nos problemas dos galegos e galegas. Asegurou que o adianto electoral en Galicia foi un escenario que Rueda "barallaba" o luns, pero "treméronlle as pernas" e non se decidiu neste sentido "para non vincular o seu futuro ao futuro incerto de Núñez Feijóo", o presidente do PP.
Rueda respondeu que non ve necesario ningún cambio e vai seguir " traballando como ata o de agora" porque os galegos piden "previsibilidade e estabilidade", segundo considera que mostraron os resultados das eleccións municipais, é as que o PPdeG foi a forza máis votada.
A nacionalista Ana Pontón afirmou que Galicia está quedando atrás por culpa do Goberno da Xunta, dun Partido Popular sen ideas, sen rumbo e que non pode defender os intereses das galegas e dos galegos.
O presidente da Xunta asegurou que os datos que os nacionalistas expuxeron no pleno non son reais.
Ponton dixo que a Alfonso Rueda sóbralle soberbia e fáltalle capacidade para dirixir o seu partido e Galicia, xa que se dedica a "calar e mirar para outro lado" ante a "sucesión de escándalos" de Baltar, tamén presidente provincial do PP de Ourense, a quen se referiu como "perigo público" tras ser cazado conducindo o coche oficial a 215 quilómetros por hora.
Tamén afirmou que Rueda non debería estar molesto polas preguntas da oposición, senón pola corrupción do PP en Ourense, e referiuse aos audios do irmán de Baltar "sobre presuntas mordidas", que o BNG xa denunciou na Fiscalía.
Alfonso Rueda asegurou que o enfado que lle reprochou nalgún momento Pontón era froito das mentiras e dixo que o BNG quere gobernar concellos sen ter o apoio suficiente en votos. Instou ao BNG para apoiar ao seu candidato, o segundo máis votado, para a Alcaldía de Ourense.
Pediu a Pontón que sexa "coherente" coa súa postura de non permitir que goberne na cidade o actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e acusouna de "cinismo" sobre a corrupción tras estar a gobernar con Carmela Silva na Deputación de Pontevedra "ata que o pobo dixo basta", nas eleccións locais.
Recriminaoulle as "técnicas" de Pontón e que sempre vexa todo "chulísimo" cando fala dela e do seu partido e non recoñeza que a Xunta poida estar a facer as cousas ben. E dixo que a líder da oposición está "nun nivel de egocentrismo Pedro Sánchez".