Publicador de contidos
Publicador de contidos

Setembro gaña puntos como mes vacacional pola tranquilidade e a moderación dos prezos

Setembro gaña puntos como mes vacacional pola tranquilidade e a moderación dos prezos

En vilas como Sanxenxo a ocupación roza o 80 % neste mes

A praia de Silgar na mañá do venres
G24.gal 08/09/2023 14:11

Nunha mañá solleira na praia de Silgar en setembro o movemento é constante, aínda que si se pode apreciar que hai máis oco para colocar a toalla. Mentres o tempo acompañe, a actividade nunha das vilas máis turísticas continúa xa rematado o mes de agosto. De feito, a ocupación nestas primeiras semanas de setembro está aínda preto das cifras dos meses precedentes.

Óscar Fontán, director do Gran Talaso Hotel Sanxenxo, explícao así: "Hai dúas partes, estes primeiros días onde a ocupación é moi alta e parécese á de xullo e agosto e despois a partir de aí baixa. Pero podemos estar falando practicamente dunha ocupación do 80 % no mes de setembro".

Na recepción do Gran Talaso Hotel Sanxenxo seguen recibindo viaxeiros. Os acabados de chegar xa pensan nos plans da tarde. "Hoxe toca ir á praia", di un hóspede uruguaio.

Tamén se deixa ver xente nas cafeterías e no paseo marítimo. O ambiente é máis relaxado ca nos meses anteriores, pero aínda notable. "Nós traballamos moi ben todo o verán e setembro hai xente que o prefire isto pola tranquilidade, vas a unha cafetería e non tes que estar esperando para sentarte", comenta Martín Otero, traballador dunha das cafeterías situadas á beira do paseo marítimo. 

A tranquilidade é un dos motivos, pero que ten setembro para que moitos o prefiran? Os turistas téñeno claro "menos xente e prezos máis baratos", comenta Nuno, un veraneante portugués. "O tempo é variable pero nós buscamos o fresco, porque vimos de Barcelona e pasamos moita calor", di outra turista. "Nós cambiamos xullo por setembro, podiamos estar máis tempo, pero con tanta xente...", di un galego que visita a vila desde Francia, onde reside tras emigrar.

O mes de setembro aínda se viste de verán e en Sanxenxo déixase notar que a temporada continúa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade