Si axustado da veciñanza á fusión de Don Benito e Villanueva de la Serena
Si axustado da veciñanza á fusión de Don Benito e Villanueva de la Serena
Saíu adiante pola mínima en Don Benito, con maioría esmagante en Villanueva
O concello resultante, que aínda non ten nome, será o segundo de Estremadura por PIB
A veciñanza das localidades pacenses de Don Benito e Villanueva de la Serena apoiou que vaia adiante o proxecto de fusión dos dous municipios na consulta popular deste domingo.
O resultado fíxose esperar polos "erros" nos sistemas informáticos durante o reconto en Don Benito que, segundo o alcalde, José Luis Quintana, non o poden poñer en cuestión.
Foi alí onde o proceso recibíu luz verde pola mínima: precisaba o 66 por cento dos votos a favor e obtivo o 66,27 por cento. En Villanueva logrou o 90,49 por cento. Tamén a participación foi inferior na primeira das vilas -a que ten máis habitantes- cun 50,42 por cento, fronte ao 58,94 por cento da segunda.
Agradecemento aos veciños
O rexedor de Don Benito, José Luis Quintana, dixo nunha conferencia de prensa conxunta que asumiron un risco moi alto pero asegurou que era o único xeito de cambiar o rumbo da historia. Segundo o alcalde de Villanueva, Miguel Ángel Gallardo, o reto era difícil pero logrouse porque a cidadanía así o referendou.
O presidente da Junta de Estremadura, Guillermo Fernández Vara, agradeceulles aos veciños o paso dado.
Don Benito y Villanueva de la Serena han hablado . Un éxito de participación y una demostración de lo que significa trabajar por la unidad y un futuro en común . Gracias por el ejemplo que habéis dado a toda España.
— Guillermo Fdez Vara (@GFVara) February 20, 2022
Unha realidade no 2027
A fusión non será unha realidade ata 2027 e dará lugar ó terceiro concello estremeño por poboación, por diante de Mérida, e ao segundo por Produto Interior Bruto, creando un polo económico e empresarial de primeira orde tanto en agroindustria coma en servizos a empresas.
O nome coñecerase antes, nunhas semanas. Non poderán figurar nel nin Villanueva de la Serena nin Don Benito.