Simulacro de incendio na Cidade da Xustiza de Vigo
Simulacro de incendio na Cidade da Xustiza de Vigo
Cumpríronse os tempos estimados para a evacuación e detectáronse pequenas deficiencias
Logo de dous anos operativa, a Cidade da Xustiza de Vigo foi hoxe escenario dun simulacro de incendio no garaxe destinado a funcionarios e persoal xudicial. Foi preciso evacuar toda a torre do vello Hospital Xeral.
O simulacro estaba moi avisado entre os funcionarios e a poboación xeral polo que se suspenderon algúns xuízos, e a reacción non foi tan improvisada como nestes casos.
O suposto lume declarouse ás once e cinco da mañá e afectou a catro vehículos. Cortouse un treito da rúa Padre Feijóo e axiña apareceron dúas dotacións de bombeiros e unha ambulancia. Os funcionarios, e outros actores xudiciais foron desaloxados gradualmente empezando polos andares máis baixos dos 19 que ten o vetusto edificio. Houbo varios feridos e tamén un morto: eran os que estaban no interior do aparcadoiro.
Tamén houbo persoas confinadas polo fume e pola súa escasa mobilidade, estaban en zonas seguras do edificio e foron evacuadas ao final do simulacro acompañadas polos bombeiros e recibiron un forte aplauso á saída do edificio.
Segundo o xuíz decano Germán Serrano, o simulacro foi un éxito no cumprimento dos tempos estimados de evacuación, aínda que haberá que revisar algunhas saídas e algún sinal acústico.
Ás doce e media da mañá o exercicio estaba rematado, malia que moitos funcionarios aínda estaban na praza de acceso aos xulgados.
Malia estar na parte superior do aparcadoiro afectado, desta volta non se desaloxou a escola infantil dos xulgados que xa rexistrara o seu propio simulacro hai uns días.
Cómpre saber como reaccionarán funcionarios e xente de paso nun simulacro non anunciado ou nunha situación real.