Publicador de contidos
Publicador de contidos

Simulacro de salvamento marítimo na praia de Razo

Simulacro de salvamento marítimo na praia de Razo

Protección Civil puxo a proba os medios cos que conta o areal carballés

O Helimer Galicia colaborou nun dos rescates

G24.gal 10/08/2024 15:25

A de Razo é unha praia aberta e ventosa, perigosa para os bañistas menos prudentes. Os profesionais de salvamento do areal puxéronse a proba con tres exercicios de rescate para os que contaron co apoio do Helimer Galicia e de tecnoloxía de última xeración.

Unha plataforma acuática contralada desde terra simplificou o rescate dunha bañista en apuros nunha das zonas máis perigosas do areal

"Se a persoa está consciente podemos enviar a plataforma cara a ela para que se poida agarrar e volver  a terra ou cara a algunha embarcación Se está inconsciente ou semiinconsciente, ten que ir un socorrista para recoller a vítima e regresar os dous a terra", explica Juan José Canosa, da empresa Nordés Tech, que colaborou na actividade.

Este salvavidas con control remoto chega para mellorar a eficacia e a seguridade dos equipos de salvamento en intervencións como as que se recrearon no areal carballés.

"Sempre facemos prácticas de rescate porque ao final pasa un día cada certo tempo e sempre hai que estar alerta e áxil. É un adestramento máis para nós", conta o coordinador de salvamento en Razo, Diego Felípez.
 

En dous dos exercicios a vítima estaba consciente e podía colaborar. Nun terceiro, pola contra, xa perdera o coñecemento. Os rescatadores chegaron onda ela e subírona á embarcación de apoio. Protección Civil solicitou a intervención do helicóptero  Helimer Galicia para o traslado urxente da bañista.

Foron moitas as persoas que seguiron desde terra a evolución do simulacro, a mellor proba de que os medios están preparados para atender as emerxencias e tamén unha chamada de atención que convida á prudencia e a seguir sempre as recomendacións dos socorristas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade