Simulacro de tremor e explosión química nun instituto de Vigo
Simulacro de tremor e explosión química nun instituto de Vigo
O simulacro forma parte das clases prácticas do ciclo de profesionais de emerxencias do IES Ricardo Mella
Participaron unha vintena de efectivos, entre bombeiros, membros de Cruz Vermella e Protección Civil
Os alumnos do ciclo de Emerxencias Sanitarias do IES Ricardo Mella de Vigo participaron esta tarde nun simulacro como parte da formación práctica do ciclo.
Simularon un tremor que provocou o colapso de dúas aulas. Varias persoas quedaron atrapadas no interior. Os bombeiros interviñeron para apuntalar os teitos e sacaron os primeiros feridos. Os alumnos facían tanto de vítimas como de persoal médico e de emerxencias. Instalouse mesmo un hospital de campaña na pista polideportiva.
Ademais do tremor, simulouse tamén unha explosión nunha tubaxe que contiña cloro e que supuxo un risco de contaminación química. Desta volta os alumnos aprenderon tamén como asistir en primeira instancia os feridos por intoxicación.
A práctica pretende que os futuros profesionais de emerxencias aprendan como afrontar situacións complicadas en que deben organizarse para atender os feridos e controlar situacións de tensión.
Contaron coa colabroación dunha vintena de efectivos dos bombeiros de Vigo, de membros da Cruz Vermella e de Protección Civil.
O IES Ricardo Mella organiza este simulacro todos os anos como práctica antes da nota final do curso.