Atopan nunha praia de Fisterra a mochila coa documentación da nena de Ordes desaparecida
Atopan nunha praia de Fisterra a mochila coa documentación da nena de Ordes desaparecida
Buscan en cantís de acceso moi difícil por terra e con mergulladores da Garda Civil
En Fisterra, onde xa levan tres xornadas co rastrexo, rexistrouse o último sinal do seu móbil que aínda non apareceu
Segue, polo momento sen éxito, a busca de Adriana, a nena de 14 anos desparecida desde hai catro días. Os traballos continúan en cantís de Fisterra, concretamente na zona de Mesa Regada, de acceso difícil por terra, coa incorporación de mergulladores dos GEAS da Garda Civil, e drons de AXEGA.
Trátase dun amplo dispositivo por mar e por terra que coordina a Garda Civil. Trata de localizar a menor, veciña de Ordes na zona de Fisterra onde deu o seu último sinal o seu móbil.
Os esforzos da procura concéntranse na zona da Costa da Morte, dado que os indicios apuntan a que chegou a esa zona (Cee-Corcubión-Fisterra) en autobús desde Santiago de Compostela.
Atopan a mochila da nena
Un veciño de Fisterra atopou a mochila de Adriana, coa súa documentación, na praia de Mar de Fóra a media mañá deste sábado. Non estaba o seu teléfono no interior.
Axentes da Garda Civil, voluntarios de Protección Civil e axentes da Policía Autonómica colaboran para dar coa nena desaparecida. Tamén se lle tomou declaración á xente próxima a ela.
Ademais, difundiuse unha fotografía da menor para solicitar a colaboración cidadá. Debe darse aviso inmediato ao 062, ao 112 ou a calquera autoridade próxima. Os investigadores non desbotan ningunha hipótese sobre o que sucedeu coa desaparición.