O Sinn Féin reclama unidade para formar un goberno no Ulster cos unionistas
O Sinn Féin reclama unidade para formar un goberno no Ulster cos unionistas
A formación nacionalista celebra a súa histórica vitoria nas eleccións autonómicas norirlandesas
O nacionalista Sinn Féin celebra xa a súa histórica vitoria nas eleccións autonómicas norirlandesas cun chamamento para formar un Goberno co unionismo, que sae debilitado e dividido polo impacto do brexit na provincia británica.
A cidadanía esixe un executivo de poder compartido que "resolva os problemas cotiáns", afirmou este sábado a líder da formación en Irlanda do Norte, Michelle O'Neill.
A vindeira semana presentará a súa candidatura ao posto de ministra principal, un cargo nunca ocupado por un político nacionalista desde a fundación de Irlanda do Norte tras o Acordo de Partición de Irlanda, en 1922, e que desde entón estivo dominada por formacións unionistas.
"Ofrecerei un liderado que é inclusivo, que celebra a diversidade, que garante os dereitos e a igualdade para aqueles que foron excluídos, discriminados ou ignorados no pasado", prometeu.
A vicepresidenta do Sinn Féin, antigo brazo político do xa inactivo IRA e defensor da reunificación de Irlanda, destacou que a provincia entrou "nunha nova era" e que as urnas demostraron que o electorado quere un Goberno no que "hai espazo para todos, todos xuntos".
Coa práctica totalidade do voto escrutado, o Sinn Féin acadou o maior número de escanos na asemblea autonómica de Stormont, con 27 deputados sobre un total de 90.
O Partido Democrático Unionista (DUP) chegou en segundo lugar, con 24 (que aínda poderían elevarse ata 25), mentres que o centrista e non sectario Partido da Alianza deu a gran sorpresa ao ser o terceiro, con 17 escanos.
Goberno de unidade
O executivo autónomo de Belfast está suspendido desde que o DUP, maioritario durante os últimos 20 anos, provocou a súa caída pola súa oposición ao protocolo do brexit para Irlanda do Norte.
Durante toda a campaña, o seu líder, Jeffrey Donaldson, advertiu de que non entrará nun Goberno encabezado polos republicanos se as conversas que manteñen Londres e Bruxelas non desembocan na eliminación dalgúns aspectos do protocolo.
Neste sentido, Donaldson avanzou este sábado que o seu partido tomará unha decisión ao respecto a vindeira semana, á vez que trasladou toda a responsabilidade ao primeiro ministro británico, o conservador Boris Johnson, para que solucione esta crise.
"Quero que o Goberno en Londres cumpra as súas promesas respecto ao protocolo. Pelexamos nestas eleccións e recibimos un mandato da cidadanía para que se solucione este asunto", declarou o líder unionista á cadea BBC.