Só un 8 % das vivendas de alugueiro en Galicia admiten mascotas
Só un 8 % das vivendas de alugueiro en Galicia admiten mascotas
Equivale a unhas 200 vivendas, a maioría unifamiliares en contornas rurais
O arrendamento complícase aínda máis en pisos urbanos
Contando as catro provincias, o número de vivendas en alugueiro no noso país oscila entre 2.400 e 2.500.
Benito Iglesias, presidente da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias: "O mercado do alugueiro está moi atomizado. Temos moi poucas vivendas en alugueiro en Galicia e iso penaliza o alugueiro de mascotas. Só un 8 % das vivendas en alugueiro admiten mascotas".
A cousa complícase especialmente cando falamos de pisos en zonas urbanas.
"É moi complicado alugar con mascota aínda que non teñen por que dar ningún problema nun piso. Se está educado, non ten por que romper nada, como pensa a xente", comenta unha moza con tres cans.
Malia a que a nova lei de benestar animal lles outorga ás mascotas a condición de membros da unidade familiar, os alugueiros réxense pola Lei de arrendamentos urbanos, que lle dá ao propietario a potestade de establecer as condicións do contrato que o inquilino pode aceptar ou non.
"Levo moitos anos no piso e deixáronme meter o can, pero se non me deixaran non o metería, loxicamente". "Se son pisos, eu estou en desacordo total. Un can non pode estar nun piso". "Pois eu non vexo ben que o prohiban porque as persoas, ás veces, somos máis incívicas que os animais", sinalan tres donos de mascotas.
Nos últimos tres anos, o número de mascotas rexistradas en Galicia incrementouse un cincuenta por cento. Sobe xa das 750.000.