Publicador de contidos
Publicador de contidos

A protesta dos traballadores do metal en Vigo remata con choques coa policía xunto á factoría de Stellantis

A protesta dos traballadores do metal en Vigo remata con choques coa policía xunto á factoría de Stellantis

A nova xornada de protestas en Vigo deixa tensión entre os propios traballadores

O diálogo entre os sindicatos e a patronal está enquistado, sen solucións no horizonte 

G24.gal 06/07/2023 15:21 Última actualización 06/07/2023 16:32

Momentos de tensión na quinta xornada de folga do metal en Vigo. Houbo cargas policiais e lanzamento de obxectos contra os axentes. As negociacións entre a patronal e os sindicatos están rotas e non hai data para retomar o diálogo.

A cidade volveu ser o epicentro das protestas, que provocaron cortes de tráfico e importantes atascos. A manifestación rematou ante a factoría de Stellantis.

A marcha transcorreu na contorna de Balaídos e rematou cunha concentración diante da factoría da multinacional da automoción. Neste punto as forzas de seguridade impediron que os folguistas chegasen ata as portas da fábrica. Vivíronse momentos de tensión e houbo cargas policiais.

Os traballadores lanzaron botellas de vidro e calzado de seguridade contra os axentes, ademais houbo un pequena liorta entre os propios manifestantes. A quinta folga do metal prodúcese co diálogo enquistado entre sindicatos e empresarios

"A patronal ten que sentar a negociar, si ou si, canto antes", aseguraba Celso Carnero, secretario xeral de CCOO de Industria en Vigo.

Outro dos puntos claves da protesta foi o polígono do Caramuxo, onde se localizan distintas industrias do sector. Alí os folguistas queimaron colectores e algunhas empresas baixaron a persiana ante o paso da manifestación. A patronal esixe a desconvocatoria da folga para retomar o diálogo. Pola súa banda, os sindicatos piden que senten a negociar sen condicións.

"Dería volver o sentido común á patronal, en lugar de estar lanzando comunicados incendiarios pola súa parte. Terían que volver á mesa negociadora", sostiña Rubén Pérez secretario xeral de UXT-FICA.

Os representantes dos traballadores lamentan as últimas declaracións da patronal, nas que acusaban ás centrais sindicais de estar transmitindo "mentiras e falsidades" aos propios traballadores. "Non ten sentido que quen queira estar nunha negociación estea mentido e insultando constantemente", dicía Xulio Fernández, secretario comarcal de CIG-Industria.

Máis de trinta mil traballadores do metal da provincia de Pontevedra están pendentes do acordo sobre as súas condicións laborais. Este venres hai convocada outra xornada de folga e dúas máis para a semana que vén. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade