Soben a 25 as persoas contaxiadas por covid-19 nun centro de discapacidade de Ferrol
Soben a 25 as persoas contaxiadas por covid-19 nun centro de discapacidade de Ferrol
Nas residencias de maiores contabilízanse 29 contaxios, 12 máis que hai unha semana
A residencia de persoas discapacitadas Coral Seoane de Ferrol rexistra este mércores 25 infectados con covid-19, 23 máis que hai unha semana, segundo indica a Consellería de Sanidade.
O mércores pasado as autoridades sanitarias comunicaron dous positivos neste centro e ao día seguinte, xoves 25, elevaron a 17 o número de persoas afectadas, que chegan a 25 nesta xornada.
No caso de residencias de maiores hai 29 persoas infectadas con covid-19, 12 máis que hai unha semana.
O maior número de usuarios infectados rexístrase no centro A Túa Outra Casa de Sarreaus (Ourense) con nove positivos, seguido da residencia DomusVi de Barbadás, tamén en Ourense, con oito persoas.
Nas residencias Irmáns Prieto do Carballiño (Ourense) e Nosa Señora Dores, en Mos (Pontevedra), hai tres usuarios enfermos en cada unha delas e na residencia San Vitorio de Baralla (Lugo) hai dúas persoas enfermas.
Ademais, hai unha persoa con covid en cada unha destas residencias: As Dores de Lalín (Pontevedra), Nosa Señora Dores de Forcarei (Pontevedra), San José de Arzúa (A Coruña) e apartamentos San Vitorio de Baralla (Lugo).