Son máis de 16.000 as persoas mortas nos tremores de Turquía e Siria
Son máis de 16.000 as persoas mortas nos tremores de Turquía e Siria
Hai case 70.000 persoas feridas en ambos os dous países e milleiros de desaparecidas entre os entullos
Esmorecen as opcións de atopar superviventes en Turquía e Siria
Á primeira hora deste xoves, o cuarto día tras os terremotos de Turquía e Siria, xa son 16.035 as persoas falecidas e 68.235 as feridas en ambos os dous países.
En Turquía, o último informe das autoridades fala de 12.873 vítimas mortais e 63.000 con feridas. Segundo os datos oficiais, o país eurasiático sufriu en total 1.117 réplicas tras os sismos de magnitude 7,7 e 7,6 do pasado luns.
A pasada madrugada, os grupos de rescate lograron sacar con vida dos entullos un mozo de 16 anos. Con todo, a medida que pasan as horas diminúen as esperanzas de que se produzan outros milagres.
Por iso, moita xente preocúpase agora por chegar ata os corpos sen vida dos seus seres queridos para enterralos axeitadamente.
Voces expertas locais estiman que decenas de miles de persoas están aínda baixo os entullos dos miles de edificios derrubados. Polo momento, non hai nin sequera información sobre a situación na maioría dos lugares das dez provincias afectadas polo terremoto.
En declaracións á axencia de novas Anka, Ovgun Ahmet Ercan, un dos principais enxeñeiros xeofísicos e expertos en sismos do país, estimou "nunhas 200.000" as persoas que permanecen baixo os edificios derrubados.
"O número de persoas que foron rescatadas con vida do derrubamento é dunhas 8.000. Non hai garantía diso, pero se o cálculo é correcto, hai outras 192.000 persoas baixo os edificios", advertiu o profesor.
Segundo Ercan, as autoridades deberían coñecer os nomes, apelidos e identidades das persoas que se atopaban baixo cada estrutura.
"Isto terá moitos problemas sociais, espirituais e financeiros. Esta é unha zona máis ampla que Bulgaria. Por tanto, hai que reconstruír todo un país", engadiu.
Nese contexto, lembrou que dos 37.000 millóns de dólares recadados tras o devastador terremoto de 1999 preto de Istambul, unha importante parte foi gastada en construír autoestradas pero non se tomaron medidas antisísmicas.
Situación en Siria
O número de persoas mortas polos sismos en Siria elevouse este xoves a 3.162 e o de feridas alcanza xa as 5.235, mentres os labores de rescate continúan nas cinco provincias do país máis afectadas con poucas esperanzas de topar sobreviventes.
Nas áreas de Idlib e Alepo (noroeste), en mans da oposición, son máis de 1.900 as vítimas mortais e de 2.950 as que teñen lesións, segundo o último reconto ofrecido polos Cascos Brancos, un grupo de rescate que opera nas rexións opositoras de Siria.
Segundo advirten, as cifras poderían seguir subindo, xa que moitas persoas continúan atrapadas baixo os entullos no cuarto día de operacións de emerxencia tras o sismo inicial rexistrado o pasado luns con epicentro no sueste de Turquía.
Doutra banda, 1.262 persoas perderon a vida e outras 2.285 resultaron feridas polos sismos nas zonas controladas polo Goberno de Bashar al-Assad, que non actualizou os datos desde este mércores.
Das zonas en mans de Damasco, as vítimas concéntranse nas provincias de Latakia, Hama e Tartus, tamén no noroeste e oeste do país, ademais de en puntos de Alepo que escapan ao control da oposición.
As autoridades sirias anunciaron que preto de 293.000 persoas tiveron que abandonar os seus fogares como consecuencia dos sismos nas zonas gobernamentais, onde se habilitaron uns 180 albergues de acollida.