Sober aspira a crear o seu propio catálogo de árbores senlleiras
Sober aspira a crear o seu propio catálogo de árbores senlleiras
Pretenden poñer en valor, preservar e aproveitar o patrimonio vexetal deste concello
No Catálogo Galego de Árbores Senlleiras non figura exemplar ningún en Sober, pero iso non implica que este municipio da Ribeira Sacra careza dun patrimonio vexetal único, como é o caso dunha cepa en Proendos con varios séculos de antigüidade.
Para remedialo, no Concello aspiran a crear un catálogo propio, un proxecto que conta coa colaboración do colectivo cultural O Colado do Vento.
Alfonso Campos, Asociación Cultural O Colado do Vento: "Saberíase que existen, que é moi importante, unhas árbores que serían obxecto de protección. Desde que a xente se conciencie do que ten, tamén habería un aproveitamento turístico. Son para ensinar, ver e gozar".
O carballo de Vilaescura é unha das árbores máis singulares de cantas hai no concello de Sober. É un exemplar centenario que ten preto de cinco metros de perímetro. Para a veciñanza, esta frondosa é todo un símbolo desta parroquia de Sober e un motivo de orgullo.
Ademais dun carballo ou dunha cepa, en Sober hai outras moitas árbores únicas e formacións arbóreas senlleiras, como soutos ou bosques de sobreiras, acivros ou érbedos, que pretenden preservar para as xeracións futuras.