Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sobresalto nocturno no Milladoiro polo ruído dos cazas sobrevoando a poboación

Sobresalto nocturno no Milladoiro polo ruído dos cazas sobrevoando a poboación

O ruxido dos avións alarmou os veciños preto da medianoite

As manobras militares da operación Eagle Eye simulan unha batalla no ceo galego

G24.gal 19/06/2024 14:43

"Estaba xa medio durmida e notei un ruído moi forte, sobresalteime, xa non daba durmido".

"Houbo un ruído moi potente, pero non identifiquei de que era".

"Parecía un trono moi forte".

Por sorte, no Milladoiro non están afeitos ao son da guerra. Por iso, o estrondo dos cazas sobrevoando a zona púxolle o corazón nun puño a máis dun veciño. 

"Ao principio era pequeno o ruído pero logo asustaba, houbo xente que saíu á fiestra a ver que pasaba".

"Oín algo parecido a un avión. Preguntei ás amigas no chat e algunhas que viven preto oírano tamén, pero outras non".

"Eu quedei angustiada despois de oílo".

Algúns sabían das manobras militares, pero sobresaltáronse igualmente polo horario nocturno e porque voaban tan baixo que daba a sensación de que se metían no salón da casa.

"Parecía que viña contra o edificio, pero despois pasou".

"Asusta, voaban moi baixo".

"Parecía que estaban no tellado, un ruído tremendo".

Afortunadamente, todo estaba baixo control. A batalla que estes días se libra no ceo de Santiago e Noia é ficticia e a poboación pode durmir tranquila.

"Todo está planeado para que cando se despregan os medios non haxa ningún perigo para a poboación local", explica un efectivo do exército desde o aeroporto da Lavacolla.

3.000 militares participan na operación Eagle Eye esta semana en Santiago e no Barbanza. Cazas, fragatas e artillería simulan unha contenda sobre o ceo galego. Unha misión que serve de adestramento ante un ataque aéreo e que onte quitou o sono a máis dun veciño do Milladoiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade