Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sociedades médicas negan a eficacia de test de saliva na detección do cancro de mama

Sociedades médicas negan a eficacia de test de saliva na detección do cancro de mama

"A única ferramenta de diagnóstico precoz é a mamografía", din desde a Sociedade Española de Radioloxía Médica

A recente información sobre a posibilidade de diagnosticar a enfermidade a través de saliva con biomarcadores ponse en cuestión "por xerar falsas expectativas" ao non haber evidencias científicas da súa eficacia

G24.gal 23/02/2024 09:56

Unha proba rápida e barata. Así se presentaron uns tests de saliva para o diagnóstico do cancro de mama desenvolvidos por investigadores da Universidade de Florida e a Universidade Nacional Yang Ming Chiao Tung de Taiwán. En pouco tempo, e por un custo inferior aos cinco euros, a través de biomarcadores podíase anticipar se unha paciente podía padecer esta enfermidade. Pouco menos que unha revolución no diagnóstico precoz. 

Non obstante, detrás do anuncio hai cuestións que as asociacións médicas e investigadoras poñen en dúbida. En España, nin a Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM) nin a Sociedade Española de Radioloxía Médica (SERAM) avalan este test.

Explican que a noticia fundamentada nun artigo publicado na revista Journal of Vacum Science and Technology B refire un estudo experimental realizado en apenas 21 pacientes, unha mostra con pouca representatividade. Pero o que máis cuestionan é que os biomarcadores son só efectivos na detección da enfermidade cando hai unha carga tumoral alta, o que non ocorre co cancro de mama antes da aparición dos síntomas da enfermidade.

A conclusión para estas sociedades é que "a única ferramenta de diagnóstico precoz do cancro de mama é a mamografía". Así o chegou a manifestar a SERAM nun comunicado no que saíu ao paso da noticia sobre os test de saliva, no que conclúen que esas probas radiolóxicas "demostraron" a través da detección en estadios temperáns "que diminúen a mortaldade".

Desde a Asociación Española de Cancro de Mama Metatástico (CMM), centrada nos pacientes que padecen esta enfermidade, aluden directamente á "polémica" e din que "valoramos que a información que recibamos sexa veraz, contrastada e que evite titulares sensacionalistas que non só confunden as expectativas dos pacientes".

"Valoramos enormemente todo avance na investigación, se ademais como neste caso pode supoñer novos métodos diagnósticos máis precisos, rápidos e menos invasivos", din nun comunicado, pero cren que informacións como a publicada nas pasadas semanas cando se trata dun estudo nunha fase moi temperá, cun número de pacientes moi reducido, tan só poden conducir a "xerar falsas expectativas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos