Sorprendido circulando a 167 quilómetros por hora nun treito limitado a 70
Sorprendido circulando a 167 quilómetros por hora nun treito limitado a 70
Foi na LU-113 no concello de Cospeito
O condutor está investigado por un delito contra a seguridade viaria
Na Terra Chá, nas grandes rectas de Cospeito, un radar da Garda Civil detectou un coche circulando a 167 quilómetros por hora nun tramo limitado a 70, bastante máis do dobre da velocidade permitida. Xa conseguiron identificar o condutor, ao que se lle imputa un delito contra a seguridade viaria.
"Non hai dereito que se pase a esa velocidade nunha zona limitada a 70", comenta un veciño.
Sen chegar a ese exceso os veciños comentan que é frecuente ver coches superando o límite.
"Os 70 non os respecta case ninguén". "É raro que se respecte a non ser que vexan que está aquí a Garda Civil de Tráfico. Ás veces estou na cama e sinto pasar coches a unha velocidade incrible".
Trátase de zonas de longas rectas onde é fácil verse tentado a apertar máis o pé contra o acelerador.
"A recta claro que incita, pero os límites están marcados".
A limitación responde aos cruzamentos e cambios de rasante.
"O de setenta é polos cruzamentos, que xa houbo accidentes graves e falecidos". "Nunha ocasión bateron contra a nosa casa e sei que houbo aquí sinistros con vítimas mortais".
Por iso é frecuente a presenza da Garda Civil.
"Case todos os días hai control, por dicir todos". "Un día parei a falar con eles nun control en plan dicirlles hai que ver como vos agochades e niso pasa un coche a 140. Dixéronme, e agora que dis? E tiven que darlles a razón".
A Garda Civil non puido darlle o alto ao coche o día da infracción, pero conseguiu identificar o condutor, un home de 32 anos ao que se lle imputa un delito contra a seguridade viaria.