Starlink cativa as miradas nas primeiras noites de ceo claro
Starlink cativa as miradas nas primeiras noites de ceo claro
Avistan o satélite de Elon Musk dende numerosos puntos, sobre todo, na costa
Hoxe poderase ver outra vez, pouco despois da posta de sol
Sorpresa no ceo...
"Moi bonito. Moi recto todo".
"Vimos pasar unha liña continua de estrelas e empezamos a gravalos e a preguntar: que sería?.
Sería a caravana de Papá Noel que vén adiantada? Noutro tempo, incluso poderiamos pensar na Santa Compaña. Pero hoxe, a razón dese tren de luces ten pouco de fantasmagórico.
"Starlik, son uns 25-50 satélites (non sei exactamente) que van en liña para a conexión de internet", explica unha moza.
"A desculpa é dar cobertura de Internet a todos os lugares do mundo, pero a realidade é que hai a intención de facerse co monopolio das comunicacións", engade José Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico.
O gran proxecto de Elon Musk cativa as miradas estes días no ceo galego. Avistouse dende moitísimos puntos, sobre todo, na costa.
"Están sempre pasando, non sempre polo mesmo lugar nin nas mesmas condicións. Depende da proxección da luz do sol. En Galicia, levamos moitos días co ceo cuberto e non se ven, pero en canto o ceo despexa, á xente gústalle mirar para o ceo e vense", sinala Docobo
Todo un espectáculo do que aínda non se coñecen os riscos pero que vai a máis. O proxecto do americano ten orbitando uns 6.000 minisatélites e como este home non ten parada, acaba de lanzar (esta mesma semana) a primeira constelación de satélites que ofrece conexión directa ao móbil. Europa xa está a traballar nunha resposta.
"Asistiremos nos próximos anos a unha disputa entre empresas", advirte o director do Observatorio Astronómico.
Se queren desfrutar desta procesión de luces, aínda están a tempo. Hoxe volverá pasar. Pouco despois da posta de sol. Poden afinar a hora na páxina findstarlink.com.