Suecia e Finlandia entregan á OTAN a súa solicitude de ingreso na Alianza
Suecia e Finlandia entregan á OTAN a súa solicitude de ingreso na Alianza
O secretario xeral da Alianza fala dun "un paso histórico"
A entrada de novos membros na Alianza é unha decisión que toman os países membros por unanimidade e Turquía xa anunciou a súa oposición
Os embaixadores de Suecia e Finlandia ante a OTAN entregaron este mércores as súas solicitudes de ingreso na Alianza na sede da organización transatlántica, en Bruxelas, onde se reuniron co seu secretario xeral, Jens Stoltenberg, que o cualificou como "un paso histórico".
O acto, emitido en directo na páxina web da OTAN, tivo lugar á primeira hora de hoxe despois de que o Parlamento finlandés aprobase adherirse á Alianza e de que o Goberno sueco comunicase a súa decisión de pedir a entrada nesa organización.
O diplomático finlandés, Klaus Korhonen, e o sueco, Axel Wernhoff, entregaron en man a Stoltenberg as solicitudes dos seus países para entrar na OTAN. "É un bo día nun momento crítico para a nosa seguridade", dixo Stoltenberg, e agradeceu a entrega das solicitudes de ingreso de ambos os países: "Toda nación ten dereito a elixir o seu propio camiño. Ambos fixestes unha elección tras rigorosos procesos democráticos e dou unha calorosa benvida ás solicitudes de Finlandia e Suecia para unirse á OTAN", expuxo nun breve e sinxelo acto.
Subliñou que Helsinqui e Estocolmo son "os socios máis estreitos" da Alianza e agregou que a entrada de ambos na organización transatlántica "incrementará a nosa seguridade compartida".
"Os aliados considerarán agora os próximos pasos no voso camiño á OTAN. Os intereses de seguridade de todos os aliados teñen que terse en conta e estamos decididos a resolver todos os problemas e a alcanzar rápidas conclusións", expuxo.
Turquía, membro da OTAN, manifestou a súa oposición á entrada de Suecia e Finlandia na Alianza porque considera que ambos os países manteñen unha política de acollida de militantes kurdos. A entrada de novos membros na Alianza é unha decisión que toman os países da organización transatlántica por unanimidade, de modo que fai falta o visto e prace de Ankara.