Sumar desoe a proposta de Podemos de que Montero sexa ministra de Igualdade
Sumar desoe a proposta de Podemos de que Montero sexa ministra de Igualdade
Os de Yolanda Díaz din que "non toca" falar de nomes
Belarra lanza un documento político aberto a propostas da militancia para definir unha folla de ruta e a relación con Sumar. Podemos quere máis autonomía.
Podemos non está cómodo en Sumar. Os morados queren unha relación con máis autonomía. E esta fin de semana lanzaron un documento político aberto a propostas da militancia para definir unha nova folla de ruta. Recoñecen que "non se poden volver asinar acordos coma o das pasadas eleccións". E poñen sobre a mesa cinco propostas que consideran básicas na negociación entre Sumar e o PSOE para reeditar outro goberno de coalición.
Entre esas propostas, recollen unha suba do salario mínimo ata os 1.500 euros ou estender a gratuidade do transporte público a toda a lexislatura. Pero hai unha que consideran "imprescindible". Esixen que Irene Montero e todo o seu equipo sigan á fronte do ministerio de Igualdade.
Esta mañá agardábase a resposta de Sumar. E esa resposta chegou, pero en forma de evasivas. En Sumar non se comprometen con ningunha. Insisten en que cada partido ten autonomía para propoñer o que "considere", pero que neste momento non "estamos en tempo de falar de nomes". Os de Yolanda Díaz evitan comprometerse, pero Podemos insiste. "Son propostas que podería asinar calquera partido progresista", din. En caso de que non se atendan, "seguiremos a ser xenerosos", e non porán en risco a investidura. Pero pídenlle a Sumar e ao PSOE máis coordinación.
Sumar actualizará este sábado o seu ideario. É o paso previo á súa constitución coma partido político. Para cando chegue ese momento, Podemos advírtelles aos seus cargos que non recoñecerá a dobre militancia, agás que a militancia decida o contrario.