Suspenden a entrada en prisión dos responsables da contratación irregular da cuñada de Silva
Suspenden a entrada en prisión dos responsables da contratación irregular da cuñada de Silva
No caso de Javier Gutiérrez, a medida mantense ata que o Consello de Ministros se pronuncie sobre a petición de indulto
En canto a Ramón Comesaña, a entrada no cárcere atrásase dous anos
A Audiencia de Pontevedra suspende a entrada en prisión de Francisco Javier Gutiérrez Orúe, alto funcionario do Concello de Vigo condenado a cinco anos de cárcere por contratar de xeito irregular a cuñada da tenente de alcalde e tamén presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ata que o Consello de Ministros de pronuncie sobre a súa petición de indulto.
En canto a Ramón Comesaña, administrador da concesionaria Imesapi, empresa a través da cal se contratou fraudulentamente a cuñada de Silva, o tribunal suspendeu a pena de entrada en prisión durante dous anos, segundo confirmou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Francisco Javier Gutiérrez Orué foi condenado en febreiro de 2019 a 5 anos e 3 meses de prisión pola sala quinta da Audiencia de Pontevedra por un delito continuado de prevaricación en concurso cos de malversación e falsidade documental, pena confirmada o pasado decembro pola Sala II do Tribunal Supremo.
En canto a Comesaña, condenárono polos mesmos delitos, pero en condición de cooperador necesario para a súa comisión ás penas dun ano e seis meses de prisión e inhabilitación absoluta polo período de dous anos e seis meses.
Grazas a eles, a cuñada de Silva cobrou 108.000 euros de diñeiro público por un traballo que nunca realizou.
O pasado febreiro, Gutiérrez Orué solicitou o indulto e a entrada en prisión nun escrito remitido ao Ministerio de Xustiza no que expuxo que é “un delincuente primario” e que reparou o dano causado ao pagar a parte da multa que lle correspondía.
Engadía que ten unha traxectoria irreprochable como traballador público, que é un home concienciado cos dereitos sociais, como demostra a súa afiliación ao sindicato UXT e ao PSOE, e que é pai de familia con avós e netos, ademais de casar o ano pasado coa súa parella.
No escrito, a súa letrada aseguraba que se mostra “profundamente arrepentido do que fixo” e que o feito de que cumpra a pena de prisión non beneficiaría nin a el, debido a que non serviría non para a súa reinserción ou rehabilitación, nin a Administración que resultou prexudicada pola súa conduta.
A difusión da solicitude de indulto espertou a indignación de todos os partidos políticos no pleno do Concello de Vigo salvo do Partido Socialista, que goberna Vigo con maioría absoluta.
Pouco despois, sóubose que asociacións sociais, culturais, deportivas e ata veciñais da Vigo solicitaron o indulto do Gutiérrez Orué, e que todos o fixeron cun escrito idéntico. O PP deduciu disto que foron sometidas a presións por parte do Goberno local, do que reciben os fondos que lles permiten manter a súa actividade.