O metal advirte que irá á folga indefinida se a próxima semana non hai acordo
O metal advirte que irá á folga indefinida se a próxima semana non hai acordo
A asemblea de traballadores decidiu paralizar as protestas da próxima semana para abrir a posibilidade de chegar a acordo, pero avanzan unha folga indefinida a partir do 18 de xullo se non se pecha un pacto coa patronal
As patronais do metal din estar dispostas a negociar
A Policía Nacional detivo esta mañá un manifestante en Vigo por resistencia e desobediencia á autoridade
Os traballadores do metal suspenden as dúas xornadas de folga que estaban previstas para a semana que vén. Deste xeito cumpren co que lles pedía a patronal para retomar as negociacións. Iso si, advirten que se non chegan a un acordo a partir do día 18 convocarán folga indefinida.
A xornada de folga deste venres, a sexta no metal da provincia de Pontevedra, comezou coa detención dunha persoa por resistencia e desobediencia aos axentes da Policía Nacional, segundo confirmaron fontes policiais.
A detención produciuse momentos antes de que saíse a manifestación convocada polos sindicatos, que iniciou a súa marcha sobre as 11:20 horas na rotonda das Industrias Conserveiras, fronte ao antigo estaleiro de Barreras.
Os manifestantes percorren as rúas da cidade, pasando por Avenida da Coruña, Avenida Castelao e Tomás Paredes, coa intención de finalizar na alameda de Suárez Llanos, en Bouzas, onde estaba prevista a celebración da asemblea para analizar a evolución dos paros, e na que se decidiu deixar en suspenso os da próxima semana pero con esa advertencia de convocar unha folga indefinida a partir do 18 de xullo se non hai acordo coa patronal.
Os representantes das centrais sindicais explicaron que o primeiro paso é esa desconvocatoria das dúas xornadas de paro previstas para a próxima semana e contactar coa patronal para retomar as negociacións, xa que "o seu ego" non lles permite "baixar á arena", como sinalou Celso Carnero de CCOO, e así "non terán escusas".
En todo caso, advertiron á patronal de que ten algo máis dunha semana por diante para sentar e "arranxar o conflito". "Isto resólvese si ou si na mesa de negociación", subliñou Carnero.
Pola súa banda, o responsable de Industria da CIG en Vigo Xulio Fernández proclamou que os sindicatos "non van ceder" e van "gañar" este conflito, porque o que reclaman para os traballadores "é de xustiza".
Tras defender o "salto" á folga indefinida a partir do 18 de xullo, Xulio Fernández subliñou que se manterá a presión "ata as últimas consecuencias" e criticou a Enrique Mallón, portavoz da patronal, a quen "hai que baixar os pantalóns". "Aquí non se para nada", asegurou, e denunciou a "represión" da policía aos traballadores e o intento dos empresarios de "dividir" a parte social.
Na mesma liña, o portavoz de UXT Rubén Pérez tamén denunciou que se está tentado romper a unidade sindical e dos traballadores "desde moitas frontes". Ante a convocatoria de folga indefinida, avisou que se avanza cara a "un momento difícil", polo que apelou á unidade de todos e incidiu en que o paro convocado se manterá "contra vento e marea, custe o que custe" se chega o caso.
As patronais do metal, dispostas a negociar
As tres patronais do sector do metal de Pontevedra -Asime, Atra e Instalectra- mostráronse dispostas a negociar un convenio na provincia despois de que os sindicatos anunciasen a paréntese na folga.
"A parte empresarial solicitara en múltiples ocasións a desconvocatoria da folga para poder retomar a senda do diálogo", sinalan as tres organizacións.
Os empresarios calculan nun 30 % o seguimento da folga desta semana -xoves e venres- na provincia, con afectación desigual e cun descenso relevante na segunda xornada e denuncian novas "actuacións violentas que non caben nun estado de dereito como o actual e que non deben ser permitidas".
Ademais, reprochan que "os piquetes non son informativos" e que "en moitos casos coaccionaron e ameazaron miles traballadores que desexan acudir aos seus empregos, chegando mesmo a sacalos pola forza dos seus postos de traballo ou a rodear a xente nos seus vehículos privados picándolles as rodas".
Na súa opinión, "politizouse clarisimamente a negociación do convenio" en relación coa convocatoria de eleccións xerais o próximo 23 de xullo e subliñan que nos últimos tres anos aplicaron "subas salariais de máis do 13 %, fronte ao 12 % da inflación".
"Esperamos que agora se retome a vía do diálogo e podamos recuperar a paz social no sector, que beneficia a todas as partes e ao conxunto da sociedade e a economía galega", destacan os empresarios.