Suspendida temporalmente a circulación de trens na estación madrileña de Atocha
Suspendida temporalmente a circulación de trens na estación madrileña de Atocha
Renfe tivo que cortar durante varias horas a tensión pola presenza dunha persoa nun lugar de acceso non autorizado
A activación do protocolo de emerxencias provocou unha situación de colapso e importantes atrasos durante varias horas
Renfe suspendeu a circulación de todos os trens de alta velocidade, longa e media distancia e proximidades na estación de Madrid Porta de Atocha.
Segundo informou na rede social X, cortouse a tensión pola presenza dunha persoa nun punto de acceso non autorizado, na pasarela superior, a petición das Forzas e Corpos de Seguridade.
O operador ferroviario activou o protocolo de emerxencias pouco antes das 20:00 horas, o que provocou unha situación de colapso e importantes demoras durante varias horas, ata que a persoa foi socorrida e procedeuse ao restablecemento da tensión na liña férrea para restablecer pouco a pouco o tráfico de trens.
A última hora deste sábado, Adif informaba de que a estación de Porta de Atocha ía permanecer aberta durante a noite para dar saída coa máxima axilidade posible a todos os trens afectados polos cortes de circulación.
A petición de Fuerzas y Cuerpos de Seguridad, se ha cortado la tensión en la estación de Madrid Puerta de Atocha debido a la presencia de una persona en un punto de acceso no autorizado. Circulación suspendida de trenes de Alta Velocidad, Larga y Media Distancia y Cercanías.
— InfoRenfe (@Inforenfe) October 19, 2024
Descarrilamento
Horas antes, un descarrilamento interrompeu a circulación no túnel do AVE que une as estacións de Atocha e Chamartín .
A compañía ferroviaria detallou nun comunicado que o incidente se produciu por "unha saída do eixo na unidade de cola dun material baleiro durante unha manobra".
"A unidade atopábase baleira e o maquinista non resultou ferido", agregou a operadora.
Segundo Renfe, este accidente está a afectar sobre todo ao tráfico ferroviario do AVE que comunica Madrid co leste do país.
Como consecuencia, os trens finalizan ou inician o seu percorrido na estación de Atocha, agora colapsada, e a pasaxe remata o percorrido en lanzadeira ata Chamartín.