Suspendido un dos trens entre A Coruña e Vigo pola folga a favor de Palestina
Suspendido un dos trens entre A Coruña e Vigo pola folga a favor de Palestina
A cancelación do convoi da 8 da mañá entre ambas as dúas cidades deixa medio milleiro de viaxeiros en terra
A folga xeral convocada por Confederación Xeral do Traballo (CXT) e Solidariedade Obreira en solidariedade con Palestina provocou a cancelación do tren das oito da mañá que conecta A Coruña con Vigo.
Fontes de Renfe confirmaron este venres a EFE que, polo de agora, un tren do Eixo Atlántico se viu afectado por esta folga. Trátase do convoi 09083, que debía ter chegado á estación viguesa de Urzáiz ás 09:26 h, con medio milleiro de viaxeiros a bordo, que resultaron afectados pola cancelación.
O obxectivo deste paro é esixir ao Goberno que rompa relacións diplomáticas e comerciais con Israel.
Os que vaian usar medios de transporte públicos nas vindeiras horas deberán estar especialmente atentos á información que lles poden facilitar as compañías porque é posible que algúns servizos se vexan afectados pola folga xeral convocada en toda España en solidariedade e apoio a Palestina.
Non hai decretados servizos mínimos en Renfe e as cancelacións poden repetirse. Depende dos traballadores que secunden a folga, nunha xornada de moita demanda. É día de volta á casa para estudantes. Deberán estar atentos ás mensaxes da opetradora.
Renfe lembra que a lexislación vixente en caso de folga non lle permite dispor de servizos alternativos.
Nesta xornada de folga, en Santiago decenas de persoas participaron na primeira das manifestacións convocadas pola Confederación Xeral do Traballo en apoio a Palestina. Na tarde do venres están convocadas máis manifestacións noutras cidades galegas. A CXT fala de seguimento destacable da folga nalgúns sectores e de seguimento parcial noutros.
Protestas tamén en Madrid. Centos de manifestantes concentráronse diante da sede do Ministerio de Asuntos Exteriores para pedir "a fin do xenocidio" en Palestina.