Tamames: "Síntome a gusto nunha moción que comparto con Vox no esencial"
Tamames: "Síntome a gusto nunha moción que comparto con Vox no esencial"
O candidato presentado por Vox na moción de censura di que ten máis "coincidencias" que "discrepancias" co partido de extremadereita
Fíltranse na prensa un borrador do discurso que dará o candidato na moción de censura
O líder de Vox, Santiago Abascal, pide adiantar eleccións xerais antes de decembro
O profesor e economista Ramón Tamames, candidato de Vox á presidencia do Goberno na moción de censura contra Pedro Sánchez, afirmou que se sente "a gusto" cunha iniciativa en que "coincide no esencial e fundamental" coa ideoloxía de Vox, sobre todo no seu apego á bandeira española.
En conferencia de prensa conxunta co líder de Vox Santiago Abascal, no Congreso, uns días antes do debate da moción de censura no pleno da Cámara Baixa, Tamames dixo que coincide con Vox na defensa da Constitución, a monarquía parlamentaria e a bandeira.
"A monarquía parlamentaria ten moita importancia... porque sen un rei sería moito máis difícil... e une moitos pobos", dixo Tamames.
Incidiu en que respecta a bandeira española desde a súa etapa como deputado comunista, xa que "non é a bandeira de Franco" senón que sempre a viu como "a bandeira de Carlos III, que representa a España na súa historia universal".
"Hai algúns que queren romper España e marchar, e nós coincidimos (con Vox) nisto. Estamos encantados de estar en España e de que sexa unha verdadeira nai para todos", reiterou.
No borrador do discurso publicado en exclusiva por un medio dixital, o candidato na moción de censura pide que se adianten as eleccións xerais para que coincidan coas municipais de maio. Tamén que se reforme a lei electoral para recortar a representación dos partidos independentistas ou facer vitalicios os cargos no Supremo e no Constitucional.
O propio Ramón Tamames confirmou este xoves que o texto publicado é seu, pero que é unha versión "bastante anticuada", que vai actualizando a medida que vai "pensando nos temas".
Na conferencia de prensa, o economista restoulles importancia ás diferenzas que mantén co propio partido que o propuxo, con Vox. "Pode haber discrepancias, evidentemente, pero hai coincidencias moi importantes e eu síntome a gusto", declarou.
Tamén o líder de Vox minimiza as discrepancias e a filtración á prensa do discurso de Tamames. "Non hai mal que por ben non veña", dixo Santiago Abascal, que agarda que sirva para que "algúns deputados doutros grupos que amosaron desconfianza cara a esta moción e que anunciaron a súa abstención (...) poidan reflexionar e, finalmente, cambiar o sentido do seu voto".
Pero no PP non se dan por aludidos. Alberto Núñez Feijóo cre que Vox "está empezando a ter dúbidas sobre o que fixo" e asegura que o seu partido non vai "darlle unha vitoria no Congreso ao PSOE porque o que queremos é derrotalo nas urnas".
Para o líder do Partido Comunista e deputado de UP, Enrique Santiago, a moción de censura "é unha perda de tempo" e recordoulles aos xornalistas que el mesmo lle fixera unha campaña electoral ás municipais do 1986 cando Ramón Tamames foi cabeza de lista por IU.
Unidas Podemos volveu propor que sexan só mulleres, tanto do Goberno como dos partidos, as que respondan na moción. Para Ione Belarra, ministra de Dereitos Sociais, "tería sentido, sabendo ademais que é unha moción que non vai saír adiante, que sexamos as mulleres as que representemos o país que avanza fronte a quen nos quere facer retroceder ao pasado".
Pero o Goberno evita pronunciarse. A voceira do executivo, Isabel Rodríguez, asegurou que "as estratexias parlamentarias non se explican, aplícanse" e opta polo silencio ata o propio día do debate.
Abascal, pola súa banda, resaltou a valentía de Tamames ante este "reto patriótico" e incidiu na necesidade de adiantar eleccións xerais antes de decembro para cambiar o seu rumbo.
A pesar de que a moción de censura non ten visos de prosperar a próxima semana, e o PP anunciou que se absterá, Abascal non renuncia a que os populares poidan cambiar o sentido do voto.