Tebas descúlpase: "Preocúpame a imaxe da Liga. Nin España nin o fútbol español son racistas"
Tebas descúlpase: "Preocúpame a imaxe da Liga. Nin España nin o fútbol español son racistas"
O presidente da Liga pídelle perdón a Vinicius: "Non pretendía ofendelo co meu chío. Quizais foi erro meu".
Defende o labor realizado pola Liga para erradicar as condutas racistas dos campos e esixe máis competencias
Pola mañá desculpouse en medios brasileiros e internacionais, e pola tarde Javier Tebas contestou as preguntas de xornalistas españois e estranxeiros durante dúas horas.
"Por suposto que estou preocupado pola imaxe da liga. Estaría tolo se non fose así. Traballarei para darlle solución. O fútbol español non é racista. A Liga segue traballando e traballou moito para erradicar estas conductas dos estadios", asegurou na súa comparecencia.
Tebas pídelle desculpas a Vinicius polo seu chío e defende o labor da Liga na loita contra o racismo
Reiterou que nunca quixo ofender a Vinicius co seu chío. "Quizais foi un erro meu. Eu só quería explicarlle todo o que a liga leva feito para eliminar estes comportamentos. Pero entendo a frustración do xogador", engadiu.
Neste sentido Tebas volveu defender o traballo realizado pola Liga na loita contra o racismo. Os cánticos, dixo, estaban aí dez anos atrás, cando el iniciou o seu mandato. "Lembro os berros homófobos a Cristiano Ronaldo ou cando a Messi o chamaban subnormal. Aí empezou a nosa pelexa e non sen certo coste persoal para min. Tiven que levar escolta durante un tempo", recordou.
O presidente da liga pensa que ao igual que sucedía daquela, a Vinicius agrédeno agora por ser un dos maiores activos da competición. E engadiu que "os grandes xogadores adoitan ser obxectivo dos intolerantes. Vinicius é hoxe un dos mellores xogadores ou o mellor que ten a liga".
"A Liga está soa. Necesitamos máis competencias para actuar dentro e fóra dos estadios", reclamou
Tebas sente que a Liga está soa na súa pelexa nos xulgados. "O 4 de abril Vinicius tivo que declarar por videoconferencia no xulgado de Mallorca que levaba a última denuncia interposta pola Liga. Insisto, estabamos nós, o xogador só e ninguén máis", dixo. E reclamou máis capacidade sancionadora para poder actuar tanto dentro como fóra dos estadios. "Queremos dispoñer de máis competencias porque con elas este problema estaría solucionado en cuestión de meses", asegurou antes de engadir que "se só interpoñemos denuncias e atopamos que uns deciden multar ou que a fiscalía arquiva porque considera que os insultos son produto da rivalidade deportiva... así é moi difícil actuar."
O presidente da patronal asegurou que as acusación recibidas estes últimos días lle fixeron pasar un dos peores momentos da súa traxectoria persoal e profesional.