Publicador de contidos
Publicador de contidos

Temor no agro galego tras a sinatura do acordo entre Europa e o Mercosur

Temor no agro galego tras a sinatura do acordo entre Europa e o Mercosur

Os produtores de viño son optimistas pero a entrada de carne suramericana a prezos baixos ameaza con inundar o mercado europeo

G24.gal 10/12/2024 15:47

Malas perspectivas para o sector agrario galego tras a sinatura do acordo da Unión Europea con Mercosur, se non se establecen medidas compensatorias.

O mercado de Mercosur, con máis de 700 millóns de consumidores, abre oportunidades para algúns produtores, pero tamén proxecta nubes negras sobre outros.

Entre os máis optimistas están os produtores de viño galego. A eliminación de aranceis, que actualmente chegan ao 27 %, permitirá competir en igualdade de condicións en países como A Arxentina ou O Brasil. A este país poderían chegar 8,8 millóns de litros desde Galicia.
Na outra cara da moeda están os agricultores e os gandeiros.

A entrada de carne suramericana a prezos baixos ameaza con inundar o mercado europeo e facerlles a competencia ás 8.000 explotacións de carne de vacún e 800 avícolas que hai en Galicia.

E no sector lácteo, Mercosur ofrecerá libres de aranceis produtos que tamén entrarán en competencia directa coas 5.600 explotacións galegas de leite.

Os máis afectados, os sectores lácteo, avícola e da carne. A carne galega veríase ameazada pola entrada de produto do Brasil ou A Arxentina moito máis barata, e que se explica porque neses países teñen normativas laborais e sanitarias moito máis laxas.

A presidenta da Comisión Europea tratou de calmar o descontento do sector dicindo que o acordo inclúe garantías de protección aos agricultores europeos, pero non convenceu e o sector esixe as chamadas cláusulas espello que impidan a competencia desleal.

Á espera de saberse a letra pequena, dende o Goberno central insisten en que o acordo é unha oportunidade porque crea a zona de libre comercio máis grande do mundo.

Os receos do sector cárnico e lácteo contrastan en Galicia co do viño, que cre que a baixada de aranceis permitirá aumentar as exportacións nun mercado, o do Mercosur, onde ata o de agora non eran competitivos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade