Tensa reunión veciñal en Vilaxoán para tratar sobre unha parada de autobús
Tensa reunión veciñal en Vilaxoán para tratar sobre unha parada de autobús
A maioría de residentes na zona do Alto do Freixo defende o mantemento da parada ante a proposta da asociación de veciños que pide o regulamento integral da zona
Un momento de forte tensión e agresión verbal tivo lugar en Vilaxoán, no concello de Vilagarcía, este martes. Era unha reunión de residentes no Alto do Freixo para falar do que consideran unha manobra da asociación de veciños para cambiar de lugar a parada de autobús.
"Temos un par de veciños que nos poñen moitos problemas con esta parada porque din que non poden pasar co coche cando está parado o autobús. Esta parada leva polo menos sesenta anos e o coche vai pasar o mesmo que se estivera o autobús aquí", di José Miguéns Carrera, veciño de Vilaxoán.
Miguéns leva recollidas máis de duascentas sinaturas entre a veciñanza que pide manter esta parada. Falan de que só dúas familias cuestionan a continuidade da mesma. Un deses críticos di que ás veces o autobús lle impide saír co seu coche por esta rúa, polo que pide variar a parada no que é punto de inicio e fin do traxecto a algunhas horas entre Vilagarcía e Vilaxoán.
"Como ese señor se meteu na asociación de veciños e está na directiva, agora a asociación de veciños volve por el. E desde que ese señor entrou a asociación de veciños di que esta é unha parada que é perigosa e que non sei que", explica José Miguéns.
O presidente da asociación de veciños asegura que a asociación non pide outra cousa que non sexa o regulamento integral de toda a rúa Veiga do Mar e adxacentes. E que nunca falaron de quitar a parada do autobús.