Momentos de tensión, e máis policía, ás portas da Audiencia Provincial de Lugo
Momentos de tensión, e máis policía, ás portas da Audiencia Provincial de Lugo
O pai da nena, José Manuel Leal, berroulle: "Unha nena de sete anos, unha nena de sete anos, indefensa"
A despregadura policial foi para evitar que se achegasen á acusada
Onte, un familiar do pai da nena aproximárase para tirarlle dos pelos á nai de Desirée
De novo vivíronse momentos de tensión ás portas da Audiencia Provincial de Lugo, na segunda xornada do xuízo polo asasinato da pequena Desirée. A familia da vítima e mais os achegados volveron berrarlle "asasina" a Ana Sandamil, acusada de matar a súa propia filla.
Desta volta, incrementouse a escolta da presunta parricida, coa presenza de varias patrullas policiais e de efectivos da Sección de Intervención Rápida da Garda Civil.
Sobre as declaracións da nai da vítima e dos seus familiares, o pai de Desirée Leal mostrouse indignado.
José Manuel Leal, pai da vítima: "Que a min ese monstro me diga que non se acorda de nada e que avoa diga que non viu sangue, nin viu nada, non lle entra na cabeza a ningún ser humano. Que por que tiñan que chamar a Garda Civil? Que querían? Enterrar a miña filla detrás da casa?"
A defensa de Ana Sandamil pide unha eximente completa co fin de que saia absolta e reciba tratamento psiquiátrico, de ser necesario. Pola súa parte, as acusacións tratarán de demostrar que si era consciente do que facía no momento en que, presuntamente, asasinou a súa filla.
Manuel Ferreiro, avogado da acusación particular: "O certo é que o médico o único que documenta, e o psiaquiatra nese momento, é unha depresión, que é o que din algunhas das testemuñas. Contamos con que hoxe esas declaracións vaian nesa dirección.".
Francisco José Lago, avogado da acusación popular: "Hoxe declaran algúns técnicos do servizo sanitario, que creo que van ser bastante claros e que xa declararan con anterioridade".
Ademais dos sanitarios, ao longo da xornada prestarán declaración o groso das testemuñas do caso. Mañá será a quenda dos gardas que acudiron ao lugar do crime.