Tentan estafar un matrimonio de Ribeira finxindo o rapto da filla
Tentan estafar un matrimonio de Ribeira finxindo o rapto da filla
Escribíronlle ao pai por WhatsApp pedindo un rescate de 5.000 euros
Este tipo de estafas proliferan nas redes, o consello é bloquear o contacto e non pagar nunca
Foi na maña do luns cando o pai dunha moza de Ribeira recibía por WhatsApp unha mensaxe dun teléfono non identificado. Supostamente era a súa filla que perdera o teléfono e pedía cartos. Pero axiña cambiou o ton da conversa, e de súpeto alguén dicía que a moza estaba secuestrada e que a ían violar se non mandaban 5.000 euros de rescate.
"Os pais puxéronse nerviosos e o que fixeron foi cortar a comunicación, que é o que hai que facer", explica Diego Amaya, inspector xefe da comisaría de Ribeira.
Como non daban localizado a moza, o matrimonio avisou a policía, pero pouco despois ela respondía as chamadas ao saír do traballo.
"Ás veces os delincuentes teñen información de se a persoa está de viaxe ou traballando e aproveitan. Nese sentido cómpre ter coidado coas fotos e a información que expoñemos nas redes", comenta o inspector.
Por sorte, a estafa do rapto quedou nun intento. Pero ás veces funciona, por iso cómpre estar alerta e seguir estes consellos:
"Que non paguen nunca, que comproben a veracidade das mensaxes e que chamen a policía, no 091 xa lles dirán o que hai que facer", aclara Diego Amaya.
Sexa por WhatsApp, correo electrónico ou SMS, recomendan non dar contrasinais, datos bancarios ou descargar arquivos sospeitosos. En caso de dúbida, o mellor é non responder ata comprobar que non estamos ante unha fraude.