Investigan 19 persoas da Coruña por estafar 500.000 euros co "calote do sicario"
Ao parecer, extorsionaron máis de 300 persoas que accederan cos seus datos a webs con contidos para adultos
As vítimas recibiron graves ameazas por mensaxería móbil acompañadas de vídeos que mostraban agresións a terceiros e onde os presuntos extorsionadores exhibían armas de fogo e esixían pagos de diñeiro
A Garda Civil, no marco da operación Mamol Tenerife, detivo e investigou 19 persoas, residentes na Coruña, dunha suposta organización criminal que ao parecer extorsionou máis de 300 persoas a través do coñecido como "calote do sicario", un método co que conseguiron estafar ata 500.000 euros.
As vítimas, que denunciaron por primeira vez en dependencias da Garda Civil en Tenerife, segundo informou este sábado nunha nota o Instituto Armado, eran elixidas tras accederen a páxinas en Internet de contido para adultos e facilitar datos persoais.
A investigación iniciouse hai máis dun ano tras as denuncias presentadas polas vítimas en dependencias da Garda Civil de Tenerife.
Segundo estas denuncias, as vítimas comezaron a recibir graves ameazas por mensaxería móbil que ían acompañadas de vídeos que mostraban agresións físicas a terceiros e nos que os presuntos extorsionadores exhibían armas de fogo e esixían pagos de diñeiro como condición para que as vítimas non sufrisen agresións similares.
Esta práctica, coñecida como o calote do sicario, realízase xeralmente cando os delincuentes introducen anuncios falsos en páxinas web dedicadas a ofrecer servizos para adultos de modo que, unha vez que a vítima os contrata, comeza a recibir ameazas por parte dun suposto sicario no caso de que non paguen unha determinada suma.
Por temor ás ameazas, en ocasións as vítimas acceden a pagar, aínda que os estafadores poden seguir coas súas coaccións e esixir máis diñeiro.
Grazas a diversas análises informáticas e de documentos, terminais e liñas, os investigadores pescudaron que os extorsionadores realizaran máis de 370 actuacións delituosas con ese modus operandi, estafando 500.000 euros e enviando 180.000 euros a República Dominicana a través de diversas empresas.
A autoridade xudicial competente decretou o ingreso en prisión provisional de tres dos detidos.
A operación foi desenvolta polos equipos de investigación de delitos informáticos e tecnolóxicos (EDITE) das unidades orgánicas de Policía Xudicial de Santa Cruz de Tenerife e A Coruña e estivo coordinada polo Xulgado de Instrución Número 3 da Coruña e a delegación de delitos informáticos da Fiscalía Provisional.