Termalismo contra a soidade nos balnearios da provincia de Ourense

Este programa de termalismo contra a soidade non desexada está impulsado e financiado pola Deputación provincial de Ourense

Poden gozar dos beneficios das augas mineromedicinais, combinado co exercicio, o que axuda a mellorar a súa saúde física e a súa saúde emocional

G24.gal 14/11/2023 12:12

A Organización Mundial da Saúde ten declarada a soidade non desexada como un problema de saúde pública, porque cada vez hai máis xente maior que vive soa. Para axudar a combater os efectos da vida en solitario, a Deputación de Ourense puxo este ano en marcha un programa de termalismo contra esa soidade non desexada.

Comezan co quecemento e a mover os seus corpos dentro das augas termais.

"Vivo soa, recomendáronme vir ao balneario e encántame a clase de pilates". 

Rodeados dunha fermosa paisaxe de outono, e nun ambiente de relaxación, aproveitan todas as propiedades das augas de Partovia para as articulacións.

"Moita xente elixiu este balneario pola propiedade das súas augas. Facer exercicios na auga todos sabemos que o corpo pesa menos, axúdanos ademais a tonificar o corpo, reduce as dores articulares. Se estamos padecendo un proceso reumatolóxico vai mellorar moito a nosa calidade de vida. Son unhas augas que teñen unha composición mineromedicinal moi ampla, que o que fan é diminuír a dor, entre outras cousas", explica Eva Álvarez, Directora do balneario Caldas de Partovia.

"Recupero moitísima mobilidade, síntome moi ben".

"Aquí na auga é unha marabilla".

"Corrixindo as posturas, respirando, sabendo que son xente dunha certa idade, sempre imos coa premisa da precaución, se teñen algunha cadeira operada... Teñen 45 minutos de actividade cos seus estiramentos...", di Antonio José Díaz, o monitor de actividades do balneario Caldas de Partovia. 

Durante todo o ano, dúas veces á semana, deixan de lado a soidade e concéntrase no seu corpo e a súa mente.

Grazas a este programa de termalismo contra a soidade non desexada, impulsado e financiado pola Deputación provincial de Ourense, 77 maiores de toda a provincia como fai este grupo no Balneario de Partovia,  poden gozar dos beneficios das augas mineromedicinais, combinado co exercicio, o que axuda a mellorar a súa saúde física e a súa saúde emocional

"A min venme ben, eu son máis ben de quedar encerrada na casa e que me forcen a saír venme ben e eu aquí pásoo moi ben na auga".

"Para min este momento de relax é unha pasada".

"Ademais de socializar e que nos xuntamos un grupo de xente e pasámolo moi ben e é moi divertido".

Un programa para mellorar a calidade de vida dos maiores e que está a ter moito éxito. Para o vindeiro ano a Deputación de Ourense vai implicar o número de prazas ata as 150 e o Termalismo contra a soidade non desexada estará dispoñible en catro balnearios da provincia. 

O exercio na auga termal axúdalles a recuperar a mobilidade e a mellorar as dores articulares.
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade