Toda Galicia celebra o día grande do Entroido
Algúns rematarán este mércores a festa co enterro da sardiña e outros continuarán a festa ata a vindeira fin de semana
Remata o tradicional Entroido de Cobres, en Vilaboa, coa corrida do galo. Logo de máis de media hora e moitos mergullos, Desirée conseguiu coller o galo no río.
Desirée contaba con vantaxe, era xa a preferida dos 11 participantes.
O máis duro, que esvaran e a temperatura da auga.
Probaron tamén a coller o galo na vara e a correr para atrapalo. Un Entroido de madamas e galáns que data de hai 3 séculos.
Este martes foi tamén o día grande para as pantallas de Xinzo de Limia, símbolo don dos vértices do triángulo máxico do Entroido ourensán. Elas abriron o desfile de comparsas que esta tarde percorreu a rúa principal da vila e que congregou un ano máis milleiros de visitantes.
O son das vexigas batendo sen descanso acompaña o paso do persoeiro máis emblemático do entroido limiao. Un cento de pantallas de case todas as idades presidiron esta tarde o desfile máis multitudinario.
O entroido tradicional que capta a atención de propios e estraños.
Pola estrada que vertebra a vila desfilaron 28 comparsas. Un carrusel de disfraces e parodias encabezados polo tradicional carro de vacas.
Non podía faltar o personaxe que está a revolucionar a actualidade internacional co seu elevado afán imperialista.
Houbo tamén unha chiscadela á historia local, como o estraperlo na raia seca.
Representacións sobre a marcha e comparsas con coreografías e vestimentas máis sofisticadas encheron de cor o centro de Xinzo, ateigado de visitantes.
A festa non acaba hoxe, o entroido máis longo de Europa remata co Domingo de Piñata. Ata entón queda aínda moita troula por diante...
E na Coruña, martes de entroido na rúa da Torre, no barrio de Monte Alto. As comparsas poñen a música, pero nesta xornada os protagonistas son as choqueiras e choqueiros.
Acompañada pola súa comparsa Monte Alto a cen, non podía faltar na rúa da Torre A Paca, choqueira do ano que xa ten a súa placa no Paseo da fama do Entroido coruñés. A rúa encheuse de creatividade e orixinalidade con visión crítica cargada de retranca.
A festa continurá ata ben entrada a noite para poñerlle fin este mércores co enterro da sardiña.