Traballar ao sol en plena vaga de calor
Traballar ao sol en plena vaga de calor
Días duros para os que traballan a pleno sol
A calor produce fatiga e afecta tanto a nivel físico como mental
"Eu a calor lévoa moi mal, os andaluces teñen sona de vagos pero non me estraña porque así non hai quen traballe, xa non descansas de noite porque coa calor esta e xa empezas ao 50 % de batería pola mañá", comenta un repartidor.
Hoxe está sendo un día duro: "Bastante duro", apunta un encargado de obra; "Aí dentro non aguantamos", quéixase un camareiro; "Temos a mangueira aí, ímonos mollando, bebendo auga todo o que podemos e así, aquí non hai onde poñerse á sombra", continúa o encargado de obra; "A sombra hai que buscala como tolos porque as latas da furgoneta ao que se quentan, despois é imposible, iso é un forno, nin aire acondicionado nin hai maneira de arrefríar iso", insiste o repartidor
A hidratación é fundamental: "Ando cunha neveiriña pequena cunhas augas porque senón todo suar e ao final quedo no pelexo", continúa o repartidor; "Crema solar, auga e procurar comer por exemplo froita fresca ou paras un pouquiño cada certo tempo", aconsella unha operaria de mantemento de xardíns.
As empresas andan estes días moi enriba dos seus traballadores. "A empresa dinos que iso, que paremos se vai moita calor, que nos hidratemos que teñamos coidado se vemos que a cousa se tal que nos poñamos á sombra e que paremos", fala o obreiro.
Tamén lle permiten horarios máis flexibles. "Agora estamos traballando un pouco máis cedo para saír antes e ás veces marchamos antes cando vai moita calor", relata un xefe de brigada dunha empresa de telefonía.
Traballar con calor pasa factura, a fatiga non é só física, tamén mental. "O noso traballo tamén é subir escaleiras, subir a postes e tal e cando vai moita calor temos que ter coidado tamén", continúa.
Por sorte mañá a calor remite "Por sorte, aquí en Galicia os días de calor son os menos, entón tampouco é para tanto, hai que aguantar tres, catro días no ano", sentenza unha traballadora dunha tenda de repostería.
A finais de xullo o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), dependente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, presentou unha campaña de sensibilización fronte aos riscos relacionados coas altas temperaturas e coa radiación solar nas contornas laborais.
Nestes días en que os termómetros se disparan recordan as recomendacións en que insistía nesa campaña: a necesidade de descanso, a climatización, a boa alimentación, a hidratación nos lugares de traballo e cambios nos horarios laborais cando for preciso.