Publicador de contidos
Publicador de contidos

Traballo ofrece ata 6.000 euros de axuda directa a micropemes para reducir a xornada

Traballo ofrece ata 6.000 euros de axuda directa a micropemes para reducir a xornada

Joaquín Pérez Rey insistiu en que esta é a "derradeira proposta" que fai o Goberno, xa que o 11 de novembro é a "data límite" para que patronal e sindicatos fixen a súa posición

Estas axudas poderían decaer se CEOE e Cepyme non "entran" no pacto

UXT e CCOO piden que se resolva canto antes a negociación

O secretario de Estado de Traballo, Joaquín Pérez Rey, na reunión sobre a xornada laboral. EFE / Pedro Ruiz O secretario de Estado de Traballo, Joaquín Pérez Rey, na reunión sobre a xornada laboral. EFE / Pedro Ruiz
G24.gal 29/10/2024 20:21

O Ministerio de Traballo propón axudas directas de ata 6.000 euros para axudar as empresas de menos de 5 traballadores nos sectores do comercio, a hostalería, os salóns de peiteado, a limpeza e a agricultura para adoptar a redución de xornada laboral.

O secretario de Estado de Traballo, Joaquín Pérez Rey, detallou tras a reunión deste martes con patronal e sindicatos que as axudas buscan mellorar a produtividade das empresas máis pequenas e que sumarán uns 350 millóns para chegar a unhas 470.000 micropemes.

Pérez Rey insistiu en que esta é "a derradeira proposta" que fai o Goberno, e subliñou que o próximo 11 novembro é a "data límite" para que patronal e sindicatos fixen a súa posición e a trasladen á mesa antes de dar forma legal á redución de xornada a 37,5 horas semanais en 2025 e iniciar o trámite parlamentario.

Un trámite, recoñeceu, que fará que non se poida cumprir o paso intermedio das 38,5 horas este ano e que levará a ir directamente ás 37,5 horas en 2025.

Como lembrou Traballo, estas axudas súmanse ao plan para acompañar ás pequenas empresas -de menos de 10 traballadores-, coñecido como plan peme375 e que inclúe bonificacións ao emprego creado como consecuencia da redución de xornada e ás transformacións de contratos a tempo parcial en contratos a tempo completo.

Estas bonificacións, apuntou Pérez Rey, poderían oscilar entre o 20 % e o 100 % en función de distintas variables como dar prioridade á contratación de xente nova ou mulleres.

O plan tamén contempla asesoramento especializado e acompañamento para levar a cabo a redución de xornada.

As axudas poderían decaer se a CEOE non se suma ao pacto

Sobre as axudas directas, insistiu en que o obxectivo é incrementar a produtividade nas microempresas, é dicir, "estimular mecanismos ou fórmulas de produción máis eficaces", fomentar a dixitalización ou abrirlles novos modelos de negocio.

Mesmo, sinalou, poderán destinarse a dixitalizar os seus rexistros horarios.

"O día 11 o Goberno quere un si ou un non", sinalou Pérez Rey.

Respecto á posición das patronais CEOE e Cepyme, lamentou que "nunca" se obtivo "un documento" para coñecer a súa "posición real" e deixou claro que se non "entran" neste acordo tentarán acordar as medidas coas organizacións sindicais e algunhas medidas incluídas na proposta de hoxe poderían decaer.

"O círculo está definitivamente pechado, o perímetro de negociación quedou concluído" e "expuxemos a nosa derradeira proposta", insistiu Pérez Rey que lembrou que foron trece reunións e dez meses de negociación.

Sindicatos piden resolver a negociación

Tras a reunión, o vicesecretario xeral de UXT, Fernando Luján, insistiu en que o Goberno "ten que actuar xa" porque "non é admisible" que "cada semana se realicen máis de seis millóns e medio de horas extraordinarias, das cales a metade nin se abonan nin se cotizan nin contribúen á Facenda Pública".

"Isto é, directamente, furtar salarios das persoas traballadoras", engadiu, á vez que se preguntou "que ocorre coas persoas que non están protexidas cun convenio colectivo", que "merecen tamén ter unha redución de xornada".

Pola súa banda, o secretario de Protección Social e Políticas Públicas en CCOO, Carlos Bravo, dixo que "toca finalizar e acabar co intento de captación de todos os consensos cando se está vendo que non é posible".

"Se non é posible, e non somos nada optimistas, hai que culminar cun acordo, axustar os elementos do rexistro de xornada e a desconexión dixital, e poñer en marcha isto no prazo máis breve sen ningún desaxuste nin etapas, para todos, os que teñen negociación colectiva e os que non", dixo Bravo, que sinalou como exemplo o emprego doméstico.

Tanto Luján como Bravo dixeron que entenderían que o Goberno retirase as medidas postas enriba da mesa se a patronal se descolga dun acordo, dado que "non son propostas destinadas ás organizacións sindicais nin ás persoas traballadoras".

Fontes da CEOE insistiron na súa postura de que a redución de xornada se manteña no ámbito de negociación dos convenios colectivos, sen levar a cabo unha reforma do Estatuto dos Traballadores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade