Publicador de contidos
Publicador de contidos

Traballo quere ter acceso directo ao rexistro horario para garantir a redución da xornada

Traballo quere ter acceso directo ao rexistro horario para garantir a redución da xornada

A redución farase por cómputo anual para garantir a flexibilidade na aplicación tanto para empresarios como para traballadores

G24.gal 19/02/2024 19:38 Última actualización 19/02/2024 20:29

O secretario de Estado de Traballo e Economía Social Joaquín Pérez Rey trasladou aos axentes sociais unha proposta para a redución da xornada laboral ata as 37,5 horas sen diminución salarial que pasa por mellorar o rexistro horario e que a Inspección de Traballo e a Seguridade Social teñan acceso de maneira remota a esta ferramenta de control horario para evitar a fraude.

"Prescindir do papel, porque é unha fórmula de rexistro facilmente manipulable e difícil de custodiar, para tender cara ás novas tecnolxías. É imprescindible para evitar que os asentos poidan ser alterados ou manipulados polo empresario ou por outro suxeito", indicou Pérez Rey á súa saída da segunda mesa de diálogo social para a rebaixa da xornada laboral, tras a celebrada o pasado 25 de xaneiro, en que CCOO, UXT, CEOE e CEPYME pediron negociar entre eles este asunto, en paralelo ás reunións tripartitas co Goberno.

Nesta liña, Pérez Rey explicou que a reforma que se expuxo a sindicatos e patronal este luns pasa por reformar o artigo 34 do Estatuto dos Traballadores para conseguir unha redución da xornada de maneira graduada: ata as 38,5 horas para 2024, co obxectivo de chegar ás 37,5 horas en 2025.

"España ten unha débeda coa Unión Europea e, en concreto, co Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que nos pide que o rexistro sexa accesible, fiable e transparente e, por tanto, trasladamos aos interlocutores sociais cales son os elementos que fan que o rexistro horario cumpra estas esixencias que derivan da Unión Europea", indicou Pérez Rey.

Sancións disuasorias

Ademais, Traballo elevou aos interlocutores sociais a necesidade de reforzar o aparello sancionador en materia de tempo de traballo para que sexa "eficaz e suficientemente disuasorio" das condutas que poñen en perigo o cumprimento íntegro das normas de xornada. Neste sentido, indicou que se explorará que as sancións non se produzan por empresa, senón por traballador.

Doutra banda, Pérez Rey aclarou que a redución da xornada se realizará garantindo o computo anual para garantir a flexibilidade na aplicación desta redución, tanto para empresarios como para traballadores.

De igual maneira, comprometeuse a que esta mellora do rexistro horario se fará pensando nos colectivos que teñen maior dificultade para incorporar estas medidas, que son as pequenas e medianas empresas.

Esta medida, que beneficiará uns doce millóns de persoas, segundo Pérez Rey, enviarase nos próximos días aos axentes sociais de maneira textual e discutirase nunha próxima reunión que o secretario de Estado de Traballo non precisou aínda cando se producirá.

Os sindicatos piden falar tamén de horas extras

Sobre a redución de xornada, Vicente incidiu en que as negociacións seguen abertas e que nese marco se debe falar tamén dos descansos semanais ou das horas extras, algo en que coincidiu o vicesecretario xeral de Política Sindical de UXT Fernando Luján.

Luján valorou que se endurezan as sancións por incumprir o rexistro, ao pasar de ser por empresa a ser por traballador, e subliñou a necesidade de reforzar os recursos da Inspección de Traballo e subliñou a relevancia de sacar adiante estes cambios con acordo da patronal.

"Entendemos que a mellor maneira de reducir a xornada, a mellor maneira de adaptar a redución nos distintos sectores e nas distintas empresas é a través dun acordo coa patronal", engadiu.

Na patronal CEOE non valoraron a proposta que se fixo de forma verbal na mesa. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade