Publicador de contidos
Publicador de contidos

Trasladada a planta a muller agredida pola súa parella en Carballo tras nove días na UCI

Trasladada a planta a muller agredida pola súa parella en Carballo tras nove días na UCI

Fontes sanitarias confirman que evoluciona favorablemente

G24.gal 08/06/2022 11:53 Última actualización 08/06/2022 13:38

A muller de 43 anos agredida o pasado 30 de maio supostamente pola súa parella en Carballo evoluciona favorablemente e pasou a planta despois de permanecer nove días na UCI.  

Así o informaron este mércores fontes sanitarias a Europa Press, que sinalaron que a muller agredida "evoluciona favorablemente" e está ingresada en planta no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC).  

O Xulgado de Instrución número 1 de Carballo decretou o pasado 1 de xuño o ingreso en prisión, comunicada e sen fianza, para a parella da agredida. O home foi detido tras entregarse á Garda Civil despois de fuxir do lugar dos feitos. Permanece investigado por homicidio en grao de tentativa, sen prexuízo de posteriores cualificacións conforme avance a instrución do caso.  

A xuíza titular do Xulgado de Instrución número 1 de Carballo, que é o competente para asuntos de violencia sobre a muller no partido xudicial, tamén acordou unha orde de protección para a vítima e para os fillos da parella, o que implica que o home non pode aproximarse nin comunicarse con eles.  

Do mesmo xeito, suspendeulle o exercicio da patria potestade e a custodia dos menores, que será asumida en exclusiva pola nai.

Os feitos polos que se lle investiga sucederon sobre as 2:45 horas do pasado 30 de maio no lugar de Fonte Caldeira, no municipio de Carballo, onde unha testemuña atopou á muller na rúa tras ser agredida e alertou á Garda Civil.  

Ao lugar o 061 enviou dúas ambulancias de soporte vital básico, persoal sanitario da PAC de Carballo e unha ambulancia de soporte vital avanzado, que, despois dunha primeira asistencia no lugar, trasladou a muller ferida ao CHUAC.  

Pola súa banda, os dous fillos menores de idade da parella permanecen baixo custodia dun familiar directo da vítima.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade