Publicador de contidos
Publicador de contidos

Antidroga inspecciona o narcosubmarino Poseidón nun peirao da Illa de Arousa

Antidroga inspecciona o narcosubmarino Poseidón nun peirao da Illa de Arousa

Logo de ser reflotado a primeira hora desta tarde, o somerxible foi trasladado a un varadoiro para tratar de obter máis datos sobre a embarcación e sobre os responsables do transporte de droga

G24.gal 14/03/2023 16:26 Última actualización 14/03/2023 19:56

O narcosubmarino atopado este luns, afundido a unha milla no interior da ría de Arousafronte ao porto de Vilaxoán, foi conducido esta tarde ao peirao do Xufre da Illa de Arousa para que os investigadores poidan realizar unha inspección completa sobre a nave.

Trasladouno a terra o remolcador Insuíña de ande, un barco con base no Grove que xa participou no refrotamento do narcosubmarino de Aldán, en Cangas.

Á súa chegada a porto, ás catro da tarde, un gran guindastre izou a embarcación e nese momento púidose coñecer o nome que lle puxeran e que se pode ler no casco: "El Poseidón".

A primeira hora da mañá iniciábanse os traballlos para recuperar a embarcación localizada este luns en augas da ría de Arousa. As condicións meteorolóxicas eran mellores e os labores desenvolvéronse con relativa rapidez.

Tiña a proa soterrada na lama e houbo que meterlle aire dentro para sacalo con máis facilidade, sen que sufrise danos. De levalo a terra encargouse o mesmo remolcador que se empregara en 2019 co narcosubmarino de Aldán.

Delegado do Goberno

Os mesmos investigadores confirmaron que non atoparon droga no interior do somerxible. O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, confirmaba: "O somerxible está baleiro. Polo tanto, á espera de facer unha inspección máis a fondo en terra, o que temos de momento é ese indicio e a partir de aí, hipóteses". 

A principal idea que manexan os investigadores é que os responsables da embarcación descargaron a droga e, despois de completar a operación, afundiron o narcosubmarino a propósito.

A primeira hora da tarde, o delegado do Goberno tamén confirmaba que "unha vez rematada a operación do refrotamento agora hai que darlle continuidade á investigación. O obxectivo que nos marcamos era dar a coñecer a operación que está posta en marcha e agora con ela finalizada queda seguir coa investigación por parte da Garda Civil, posiblemente a semana que vén poderemos dar algún detalle. Sabemos que está baleiro e veremos se está relacionado coas lanchas que apareceron nesta zona hai unhas semanas. En 32 horas logramos sacalo a terra e agora a investigación aberta."

O somerxible, de fibra de vidro, ten  22 metros e capacidade para transportar uns 5.000 quilos de droga. De feito, segundo explicaron as autoridades, ten unhas dimensións "moi parecidas" ao localizado en Aldán, que chegaba aos 22 metros", e o seu interior tamén é "moi similar".

Tamén tiña o motor illado para evitar ser detectado.

Estes novos e sofisticados métodos para transportar a droga fan que colectivos de loita contra o narcotráfico demanden máis medios en Galicia.

A investigación segue para poder determinar a cantidade de droga que puido transportar. O delegado do Goberno engadía que "dentro dunha operación na que viñan traballando Garda Civil, Servizo de Vixilancia Aduaneira e Policía Nacional. Estaban sobreaviso dun alixo que podería estar entrando en Galicia".

Investígase tamén se este somerxible ten relación coas tres potentes planadoras que apareceron abandonadas hai 3 semanas en Ribeira. Un xulgado de Vilagarcía instrúe este caso. De momento, non confirmaron detencións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade