Publicador de contidos
Publicador de contidos

Estacións cheas no primeiro día de bonificación das viaxes no transporte

Estacións cheas no primeiro día de bonificación das viaxes no transporte

Desde este primeiro de setembro teñen unha rebaixa do 100 por cento os traxectos de Media Distancia de Renfe

A liña do Avant Ourense-Santiago ten un desconto do 50 %, aínda que o Goberno anuncia a bonificación da totalidade

Este xoves tamén comeza a aplicarse o desconto anunciado pola Xunta dun 50 % no transporte público

A Xunta cre que os descontos no transporte serán "unha axuda" ás familias

G24.gal 01/09/2022 08:37 Última actualización 01/09/2022 14:56

Os primeiros trens cos viaxeiros que se benefician dos descontos que entran en funcionamento este primeiro de setembro partían practicamente completos das estacións galegas, sen que polo momento se reportasen problemas na implantación da medida.

É o caso da Coruña, un dos estremos dunha da liña beneficiada pola bonificación do 100 por cento do custo do abono, a do Eixo Atlántico (Vigo-A Coruña).

Este traxecto ten xa habitualmente unha ocupación alta, pero este desconto espertou o interese dos viaxeiros, e xa as cifras de reserva de prazas facilitadas por Renfe nos días pasados falaban dun incremento da demanda.

No caso da liña Ourense-Santiago, operada con trens Avant, o desconto é do 50 %, aínda que a ministra voceira do Goberno anunciaba este mércores en Vigo que se prevé que se amplíe esa bonificación ao 100 %.

Desde a Delegación do Goberno informaron de que se está elaborando o decreto para poñelo en marcha, pero que unha vez que estea funcionando se reintegrarán os cartos abonados a quen xa está facendo uso do abono nestes momentos.

Precisamente para satisfacer este aumento da ocupación, a operadora ferroviaria anunciou un aumento en 14.000 prazas na súa oferta semanal. Renfe reconfigura a partir de setembro a súa oferta de servizos e de prazas nos servizos de media distancia do Eixo Atlántico e os Avant.

Estas prazas e novos servizos iranse incorporando paulatinamente á oferta actual desde a primeira semana de setembro e beneficiarán todos aqueles viaxeiros que se despracen entre A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo (e estacións intermedias destes percorridos) e os usuarios dos trens Avant entre A Coruña, Santiago de Compostela e Ourense.

Na liña entre A Coruña e Ourense, Renfe ofrecerá máis de 1.900 prazas de incremento respecto á oferta actual, o que supón un incremento do 9 % nun día laborable medio. 

Ademais, incorporará, desde o 5 de setembro, un tren Avant con saída de Ourense ás 6:45 horas e chegada á estación da Coruña ás 7:53 horas, que circulará de luns a venres.

Os trens rápidos do Eixo Atlántico entre A Coruña e a estación de Vigo-Urzáiz contarán con preto de 11.600 prazas máis por semana repartidas nos distintos servizos e horarios actuais

Descontos no transporte público galego

Tamén este xoves se comeza a aplicar o 50 % de desconto no transporte público competencia da Xunta de Galicia. Esta medida foi anunciada este mércores polo presidente da Xunta Alfonso Rueda.

Aínda que esa rebaixa se aplica xa aos abonos mercados con anterioridade a esta data, os usuarios aínda se ían facendo unha idea da medida nestas primeiras horas.

Os descontos que se aplicarán ao transporte de viaxeiros por estrada, tamén ao transporte marítimo da ría de Vigo e ao tren de proximidade da área de Ferrol, estarán activos ata o 31 de decembro e serán circunscritos a quen use a tarxeta de transporte metropolitano da Xunta ou adquiran abonos multiviaxes.

Así, polo momento a Xunta non planificou un aumento na oferta de prazas nestes transportes ou unha maior frecuencia nos horarios, pero aseguran que se adaptarán á demanda que vaia xurdindo por mor da activación destes descontos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade