Os tres policías acusados de matar a Diego Bello levan dez meses en paradoiro descoñecido
Os tres policías acusados de matar a Diego Bello levan dez meses en paradoiro descoñecido
Tres anos despois do asasinato nas Filipinas, o caso está en punto morto
A familia custea os gastos xudiciais coa venda da roupa da marca que patentara Diego
Este luns fanse tres anos do asasinato de Diego Bello, o mozo coruñés abatido a tiros pola policía nas Filipinas, pero o caso segue en punto morto desde hai 10 meses. Un xuíz acusou a tres axentes do asasinato de Diego pero aínda non foron detidos. A pesar dos atrancos, a familia segue loitando para que o crime non quede impune.
A casa en que residía o coruñés Diego Bello, nas Filipinas, e onde foi asasinado o 8 de xaneiro de 2020 cando volvía de traballar na discoteca que rexentaba está sendo rehabilitada. O impacto dunha bala no muro por onde intentou fuxir é un dos poucos vestixios que quedan dun crime que a policía intentou disfrazar de operación contra o narcotráfico, pero que a investigación posterior concluíu que era falsa.
En marzo do ano pasado o xuíz acusou a tres axentes do asasinato de Diego e de falsificar probas para intentar inculpalo. Ordenou detelos pero 10 meses despois seguen en paradoiro descoñecido e tampouco foron apartados do corpo.
Ante a pasividade das autoridades filipinas a familia segue loitando para que o crime non quede impune e se faga xustiza. Un bufete de avogados filipino leva o caso e estuda pedir que se decrete unha orde de busca e captura internacional para os acusados.
Para facerlle fronte aos gastos que supón esta loita xudicial, a familia de Diego segue vendendo a roupa da marca que el tiña patentada, tamén como homenaxea el e para manter viva a súa memoria.