Tres atracadores asaltan un banco en Vigo armados cunha pistola e levan 300.000 euros
Tres atracadores asaltan un banco en Vigo armados cunha pistola e levan 300.000 euros
Os ladróns entraron na oficina bancaria cando estaba a piques de pechar e fuxiron do lugar correndo
A Policía Nacional e a Local buscan os tres atracadores que ás sete da tarde deste xoves roubaron armados cunha pistola nunha sucursal de Caixabank en Vigo, na Gran Vía, á altura do número 78.
Fontes policiais sinalan que a cantidade de cartos roubada podería chegar aos 300.000 euros, un dos botíns máis elevados dos atracos rexistrados na cidade nos últimos anos.
Os ladróns entraron na oficina bancaria cando estaba a piques de pechar as portas e apuntaron coas súas armas aos empregados que estaban dentro para que lles deran os cartos. Fuxiron do lugar correndo, segundo algunhas testemuñas presenciais.
A elevada cifra deste botín estaría relacionada co feito de que na entidade bancaria debían facer provisión de fondos para afrontar no caixeiro automático esta longa fin de semana.
A Policía Nacional e a Local puxeron en marcha a operación Gaiola para intentar evitar que os atracadores saian da cidade.
Esta mesma semana, a Garda Civil de Pontevedra informaba da detención de catro persoas vinculadas con dous atracos en entidades bancarias da provincia dos que subtraeron máis de 140.000 euros.