Tres ciclistas, feridos tras atropelar un corzo en Calvos de Randín
Tres ciclistas, feridos tras atropelar un corzo en Calvos de Randín
As emerxencias médicas evacuaron un dos ciclistas ao Hospital de Ourense, o CHOU
Un ciclista tivo que ser evacuado este mediodía ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) tras sufrir un accidente consistente nunha colisión contra un corzo cando circulaba con outros dous ciclistas no concello ourensán de Calvos de Randín, na fronteira con Portugal.
Os deportistas circulaban pola OU-303, ao seu paso por Randín, cando lles saíu á estrada un corzo e non puideron evitar colidir co animal.
A Comandancia de Ourense da Garda Civil explicou que o primeiro ciclista chocou contra un corzo, o segundo atropelou o animal e o terceiro caeu ao tratar de frear para non atropelar os seus compañeiros.
Como consecuencia do accidente, un dos ciclistas, veciño da Valenzá, en Barbadás, tivo que ser evacuado ao centro hospitalario tras ser ferido con prognóstico reservado.
Un particular avisou do accidente ao 112 e detallou que o animal fuxiu da zona. Ata o punto desprazouse Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que mobilizou o helicóptero de Ourense, a Garda Civil , o GES de Muíños e os Bombeiros de Xinzo.