Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tres encapuchados arrasan un estanco en Guísamo, no concello de Bergondo

Tres encapuchados arrasan un estanco en Guísamo, no concello de Bergondo

As cámaras de seguridade gravaron os asaltantes, que levaban a cara cuberta e fuxiron coa caixa en cousa de poucos minutos

O estanco de Guísamo xa fora asaltado impactando cun coche contra o escaparate o pasado mes de agosto

Os danos que provocaron no establecemento poden ascender os 10.000 euros
G24.gal 15/01/2024 19:31

Nas imaxes gravadas polas cámaras de seguridade non se ve o quen, porque van tapados, pero si o como: os asaltantes rebentaron a primeira porta do estanco facendo panca e a segunda a golpes.

En cousa de tres minutos, os dous que entraron revisaron o local, arrincaron a caixa e marcharon co botín. Di Jesús Méndez, propietario do estanco, que ocasionaron máis perdas en desperfectos que no botín que levaron. 

"En total os desperfectos igual foron 10.000 euros, e roubaron en cartos arredor de mil euros", calcula. 

Foi de madrugada e en pleno centro de Guísamo. Activouse a alarma e foron os veciños os que chamaron a Garda Civil, alertados polo ruído. Víronos fuxir dirección Betanzos antes de que chegaran as patrullas. Eran tres, ían nun coche vermello e presuntamente roubado.

"Vendo as imaxes, unha amiga viu o coche e roubáranllo a un amigo dela en Narón" explica Jesús. "Teño as fotos do coche e coincide a matrícula", asegura.

Jesús tenta recuperar a normalidade no estanco, pero di que está desanimado. Hai menos dun ano que abriu o negocio, e xa o atracaron dúas veces. En agosto leváronlle cousa de 4.000 euros en tabaco. 

"Entraran cun coche co que impactaron co escaparate", lembra. "Daquela puxen bolardos para evitar iso, pero por moito que poña sempre encontrarán a maneira de entrar", engade. Xa pensa en poñer máis medidas disuasorias, porque desespera. "Que entren cada cinco meses deprime un pouco, quítache as ganas de traballar", afirma.

A Garda Civil investiga os feitos e as hipóteses están abertas. Aínda está por determinar se os dous roubos neste establecemento gardan relación entre si.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade